Ir o contido principal

Dúas pianistas compostelás e catro alumnas do Conservatorio da Coruña interpretan a Falla, Chopin, Beethoven, Mozart e Schubert no Ciclo de Novos Intérpretes

Obras de Falla, Chopin, Beethoven, Mozart e Schubert soarán no terceiro concerto do Ciclo de Novos Intérpretes que reúne o vindeiro luns, 2 de febreiro, a dúas novas pianistas composteláns, Sara Pinaque García e Kerstin Martínez Radl, e a un cuarteto de frauta e corda formado polas alumnas do Conservatorio Superior de Música da Coruña, Carlota Salgado Leal, Paola Becerra Paz, Deborá Morales Rey e Laura Viana Fernández. O concerto, de entrada libre, comezará ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia. Nada hai 14 anos en Santiago de Compostela, Sara Pinaque comezou a súa formación en piano aos 7 anos de idade e actualmente estuda 3º curso de grao profesional no Conservatorio Profesional de Santiago co profesor Jorge Valdés e na Escola de Música Berenguela con Alexander Gold. Con 13 anos obtivo o segundo premio da categoría menor de 15 no XXVI Concurso Nacional Juvenil de Piano Jacinto Guerrero (Toledo), o segundo premio na 15º edición do prestixioso Concurso Internacional Cidade do Fundao (Portugal), na mesma categoría, e foi finalista no 18º Premio Infantil Santa Cecilia (Segovia). Protagonista da primeira parte deste concerto, Sara Pinaque interpretará as Catro Pezas Españolas de Manuel de Falla e as Tres pezas escocesas para piano de Chopin. Na segunda parte será a quenda doutra pianista compostelá. Con 20 anos de idade, Kerstin Martínez Radl cursa terceiro de grao superior no ovetense Conservatorio Superior de Asturias. Para a súa intervención neste Ciclo de Novos Intérpretes, Kerstin Martínez seleccionou a fermosa Sonata nº23, coñecida como Appassionata, de Ludwig van Beethoven. O concerto concluirá coa actuación dun cuarteto de frauta e cordas formado por catro alumnas do Conservatorio Superior de Música da Coruña. A frautista Carlota Salgado, a violinista Paola Becerra, a viola Deborá Morales e a cellista Laura Viana son as catro compoñentes desta infrecuente agrupación de cámara feminina que interpretarán dous cuartetos nados da inspiración de Wolfgang Amadeus Mozart e de François Schubert, violinista e compositor nado en Dresde escasamente coñecido. Como dende a súa primeira edición, o ciclo está especialmente dedicado aos máis novos e novas intérpretes galegos e residentes en Galicia para que comecen a adquirir a experiencia necesaria nun escenario ao tempo que tamén se achega a música ao público máis novo. Quince anos de historia e case cincocentos participantes avalan xa unha sólida traxectoria dunha convocatoria pensada en prol da difusión da música.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.01.2015.