Dúas titulacións da USC reciben a mención de Mestrado de Excelencia pola súa solvencia científico-técnica
Os mestrados da USC en Matemática Industrial e en Computación de Altas Prestacións, o primeiro impartido xunto a UDC, UVigo, UC3M e UPM e o último só coa UDC, acaban de ser distinguidos co recoñecemento de Mestrado de Excelencia outorgado pola Xunta de Galicia. O reitor da USC, Antonio López, participou no acto de entrega desta mención que acredita o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos, o que supón unha garantía de futuro para o estudantado.
Antonio López interveu na sesión xunto aos reitores da UDC, Julio Abalde; da UVigo, Manuel Reigosa; e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, quen subliñou as elevadas puntuacións que os mestrados recoñecidos acadaron en todos os aspectos valorados, o que reflicte “o seu nivel de solvencia científica, técnica e formativa”. Tamén asistiu ao acto a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. A obtención deste selo, que ten unha vixencia de cinco anos, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado nas accións de mellora da calidade do Plan Galego de Financiamento Universitario.
Para a concesión do selo tivéronse en conta os criterios de avaliación establecidos, que inclúen aspectos xerais do mestrado como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboren directamente coa titulación, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e a existencia de titorización e mentorización individuais. Por parte da USC, Pablo Quesada Barriuso recibiu o recoñecemento do mestrado en Computación de Altas Prestacións; mentres que Elena Vázquez Cendón e Óscar López Pouso recibiron o de Matemática Industrial.
Outros aspectos que se tiveron en conta foron os resultados (enquisas de satisfacción ou seguimento dos egresados no mercado laboral, entre outros), a estratexia (visión, misión e desenvolvemento futuro do mestrado), o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención, o plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas e emprego de metodoloxías docentes innovadoras), o profesorado ou as estratexias de emprendemento. En 2020, tamén recibiu esta mención o mestrado en Enxeñaría Ambiental da USC.