O dúo Liliak ofrece o concerto de voz e piano ‘Lied, o son das palabras’ este luns na Casa do Saber de Lugo no ciclo ‘Na Calzada’
O dúo Liliak, fórmado en 2017 baixo a dirección de Josep Surinyac na Escola Superior de Música de Catalunya (ESMuC) e integrado pola pianista rabadesa Andrea Vilar e soprano vitoriana Maite Arciniega, ofrecerá este luns, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o concerto ‘Lied, o son das palabras’. Esta actuación bota a andar o programa ‘Na Calzada’ do ciclo de ‘Músicas a carón da Mosqueira’, que forma parte da programación organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo.
Liliak caracterizouse desde os seus comezos por ser un dúo moi versátil en repertorio e temática, ademais de por recibir comentarios e críticas de músicos especialistas do nivel de Martín Royo ou Francisco Poyato. De feito, no concerto programado en Lugo, estas dúas artistas presentarán un repertorio didáctico de introdución ao xénero lied, termo empregado tradicionalmente na historia da música para referirse a unha canción lírica breve, un poema musicado escrito para voz solista e acompañamento de piano.
O repertorio do concerto ‘Lied, o son das palabras’ ofrece un programa variado que mestura letras de P. Heyse, Goethe, Bernstein, P. Bourget, Rafel Alberti, Ramón Cabanillas, N. Lenau, H. Heine, E. Kulhnann, con músicas de Hugo Wolf, Franz Shubert, Leonard Bernstein, Claude Debussy, Rodolfo Halffter, Federico Mompou, Sorozábal, Shumann, Mendelssohn ou Hanns Eisler.
Biografías
A pianista Andrea Vilar naceu en Rábade en 1997. Tras rematar os seus estudos profesionais na cidade amurallada de man de Juan Ignacio Martínez trasládase a Barcelona para cursar os estudos superiores en Interpretación Clásica e Contemporánea na ESMuC co profesor Jordi Camell, traballo que aínda a ocupa. Nos dous últimos anos recibiu clases de profesores como Kennedy Moretti, Eldar Nebolsin, Pierre Laurent Aimard ou Rita Wagner.
A soprano Maite Arciniega (Vitoria-Gasteiz, 1993), compaxina na actualidade o estudo do grao profesional de canto co Grao en Filoloxía Hispánica. En 2015 comeza os seus estudos na ESMuC coa profesora Margarida Natividade. Nos últimos anos recibiu clases de Pep Surinyac, Ana Luisa Chova, Francisco Poyato, Xabier Sabata ou Ofelia Sala, entre outros. Á par da súa formación musical como intérprete, interésase pola pedagoxía musical e pola dirección coral, sendo profesora de canto coral infantil.