Ir o contido principal

Un dúo de violoncellos, unha soprano e un pianista protagonizan o cuarto concerto do Ciclo de Novos Intérpretes

O cuarto concerto do XIV Ciclo de Novos Intérpretes presentará este mércores 8 un dúo de violoncellos, unha soprano e un pianista interpretando un repertorio variado. A cita desta proposta musical da Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza en colaboración coa USC será ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia), con entrada libre, como é habitual. Dividido en tres partes, o concerto arrancará coa interpretación de dúas novas cellistas, Amanda Viéitez Bautista (de 21 anos e estudante de grao profesional no Conservatorio de Santiago) e Laura Juncal Pájaro (de 18 anos e alumna do Conservatorio Profesional de Pontevedra). Interpretarán obras a dúo de Haydn, Vivaldi e o máis descoñecido Fiedrich Kummer. A nova soprano noiesa Esperanza Mara, de vinte e dous anos de idade, cantará unha ampla selección de canción, lied, ópera e zarzuela que inclúe a Turina, Schumann, Ginastera, Gaos, Mozart (unha aria da súa ópera Così fan tutte) e Chapí (cunha romanza da súa zarzuela El rey que rabió). Esperanza Mara estará acompañada pola pianista de Marín Paula Gago Otero, actualmente mestre nas escolas de música de Ortigueira e Catoira. O pianista ourensán Fabio Álvarez González pechará o concerto cunha tocata de Bach, unha polonesa de Chopin e a peza L’isle joyeuse de Debussy. Fabio Álvarez, de 23 anos, perfecciona os seus estudos no prestixioso Musikene, o Conservatorio Superior de Música do País Vasco. Novos músicos de toda Galicia intervirán ata marzo nun ciclo no que a música de cámara é a protagonista e na que se poderán escoitar intérpretes dunha gran variedade de instrumentos (piano, violín, clarinete, violoncello, saxofón, ...), canto e grupos de cámara pouco habituais (dúo de violoncellos, trío de frauta, clarinete e piano, dúo de frautas, ...). Como desde a súa primeira edición, o ciclo está especialmente dedicado aos máis novos intérpretes galegos e residentes en Galicia para que comecen a adquirir experiencia e a achegar a música ao público máis novo. Trece anos de historia e máis de catrocentos participantes avalan xa unha sólida traxectoria dunha convocatoria pensada a prol da difusión da música e para prestar un pequeno pero imprescindible apoio ao futuro da música en Galicia, aos novos valores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.02.2012.