Ir o contido principal

ECOBAS amplía o seu equipo investigador coa incorporación de 42 novos membros das tres universidades

Catorce das novas incorporacións pertencen á Universidade de Santiago. Foto: ECOBAS
Catorce das novas incorporacións pertencen á Universidade de Santiago. Foto: ECOBAS
Catorce deles pertencen á Universidade de Santiago

ECOBAS, o Centro de Investigación Interuniversitario de Ciencias Sociais, decidiu ampliar o seu equipo investigador tras a avaliación positiva de 42 candidaturas procedentes das tres universidades públicas galegas. O comité asesor externo encargado do proceso emitiu informe positivo sobre os perfís de 20 persoas investigadoras da Universidade da Coruña, 14 da Universidade de Santiago de Compostela e 8 da Universidade de Vigo. Unha vez asinado o compromiso de adhesión ao Centro, o equipo quedará conformado por 122 investigadoras e investigadores, acadando así unha maioría de representación de mulleres: 51,6% fronte ao 48.4% de homes.

O resultado do proceso de adscrición de novos membros, aprobado polo Consello Reitor de ECOBAS na súa reunión de inicio de ano, foi cualificado pola directora científica de ECOBAS como “altamente satisfactorio, non só pola cantidade, senón pola calidade dos perfís que recibimos”. Esta adscrición supón un incremento dun 52% de membros no cadro de persoal e fortalecerá de forma significativa a representación nas áreas de empresas (21 incorporacións) e de economía (14).

A multidisciplinariedade de ECOBAS, con representación nas distintas áreas das Ciencias Sociais, quedará tamén fornecida coa suma de novas persoas expertas nos ámbitos do Dereito e a Administración Pública (5) e de Educación e Traballo Social (2).

No tocante á estrutura de goberno do Centro, o Consello Reitor de ECOBAS, ao que pertencen os reitores das tres universidades do SUG, aprobou ademais o cese de Xavier Labandeira tras case dous anos como director adxunto e o nomeamento do investigador Pablo Cabanelas.

Sobre ECOBAS
ECOBAS é un centro de investigación interuniversitario que aspira a ser referente internacional no eido da sostibilidade económica, ambiental e social. Integrado por un equipo multidisciplinar de persoal científico das tres universidades galegas, ECOBAS traballa para dar resposta aos grandes retos e desafíos da sociedade mediante a investigación de excelencia, a docencia, a divulgación e a transferencia de coñecemento.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.01.2025.