A economista do Banco de España Laura Hospido presenta este venres na USC a Enquisa de Competencias Financeiras
A economista sénior na División de Análise Microeconómicos do Banco de España, Laura Hospido, imparte este venres 9 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias da USC un seminario sobre o informe resultante da Enquisa de Competencias Financieras, do que ela é coautora.
Dita enquisa é unha iniciativa conxunta do Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores co obxectivo de medir as competencias financeiras da poboación adulta en España e forma parte dun proxecto internacional coordinado pola Rede Internacional de Educación Financeira da OCDE.
A presentación, ás 10.00 horas na aula 31 da Facultade, enmárcase nas actividades do programa de Doutoramento en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica e conta coa colaboración do Grupo de Análise e Modelización Económica e da AYEconomics, unha spin off da USC.
Laura Hospido é graduada en Economía pola USC e master en Economía e Finanzas polo Centro de Estudos Monetarios e Financeiros do Banco de España. Completou a súa formación académica coa obtención do título de doutora en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende 2007 traballa como economista no Banco de España.