O economista e consultor Miguel Bello Vázquez trata este martes na Facultade de ADE a importancia das vendas na empresa
O economista e consultor Miguel Bello Vázquez, máster IESE de alta dirección de empresas e profesor en distintas escolas de negocio de España, abordará este martes, a partir das 17.30 horas, na Aula Magna da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, a importancia das vendas na empresa como forza de negocio nunha contorna de crise.
O relatorio de Miguel Bello Vázquez, quen, entre outros cometidos, ten sido responsable de vendas de Pirelli S.A. e director comercial e de marketing e de exportación da empresa Zardoya Otis S.A., enmárcase dentro do proceso de colaboración iniciado entre a Facultade de ADE e a asociación Seniors Españois para a Cooperación Técnica e Empresarial (Secot). Na actualidade, Bello Vázquez é membro de Secot, un colectivo sen ánimo de lucro do que forman parte antigos empresarios e directivos que ofrecen de balde o seu coñecemento e as súas experiencia a prol da xestión empresarial.