Ir o contido principal

Edafólogos e investigadores das universidades galegas sinalan a conservación dos socalcos como reto prioritario na Ribeira Sacra

Participantes nas xornadas sobre conservación de solos na Ribeira Sacra. M. A. Rodríguez Guitián
Participantes nas xornadas sobre conservación de solos na Ribeira Sacra. M. A. Rodríguez Guitián

A conservación dos socalcos que caracterizan as paiaxas da Ribeira Sacra é un dos cometidos prioritarios, cando non o principal reto, para manter a singularidade paisaxística e a conservación dos solos na Ribeira Sacra, segundo subliñan os edafólogos e demais investigadores das tres universidades galegas veñen de participar nas xornadas sobre conservación de solos e construción da paisaxe organizadas pola delegación en Galicia da Sociedade Española de Ciencias do Solo e que citaron unhas 50 persoas.

A análise dos recursos naturais da Ribeira Sacra, en especial os diferentes tipos de solo e das paisaxes aos que dan lugar e que son un bo exemplo, tanto a nivel nacional como internacional, de boas prácticas de conservación do solo que perduran ao longo do tempo, constituíu o principal obxectivo deste foro, cuxos participantes tamén tiveron a ocasión de advertir actuacións contrarias ao que se debería facer, indicaron. A comitiva de edafólogos inscrita para tomar parte activa neste foro aproveitou a súa estadía na Ribeira Sacra, tanto na luguesa como na ourensá, para examinar as características e a singularidade dos solos da zona e tamén a excelente labor de uso e manexo do solo que fixo o home mediante a construción de terrazas ou bancais que permiten, por unha parte, poder aproveitar o solo en pendentes tan elevadas para obter unha rendibilidade económica coa plantación de viñedos e, por outra, evitar as perdas de solo debidas aos arrastres por erosión hídrica. Estas xornadas de campo permitiron aos investigadores participantes analizar o estado actual de coñecemento dos solos e a paisaxe da Ribeira Sacra mediante o estudo de perfís de solo predominantes na zona. Ademais dos edáfologos e expertos na conservación do patrimonio, o programa destas xornadas incluiu tamén a colaboración dun especialista en vexetación, tal e como é o caso do profesor doutor da USC na Escola Politécnica Superior de Lugo Manuel Rodríguez Guitián. O amplo programa de visitas destas xornadas, en cuxa organización están implicados ademais da delegación en Galicia da SECS, investigadores do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC na EPS, así como do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo, ademais das deputacións provinciais de Lugo e de Ourense, fixo desta cita unha boa oportunidade para que numerosos expertos na Ciencia do Solo poidan analizar e debater “in situ” sobre o solo e a paisaxe da zona.

As conclusións dos debates desenvolvidos no marco desta actividade científica supoñen tamén unha achega para afondar no coñecemento da Ribeira Sacra, ademais de resultar de utilidade para apoiar a candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.07.2015.