As EDAR, un baluarte eficaz fronte ao SARS-CoV-2
As estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) constitúen potenciais axentes na alerta e control de posibles brotes do virus SARS-CoV-2, segundo apuntan os primeiros resultados da investigación que está a desenvolver na EDAR de Ourense o catedrático de Enxeñaría Química da USC Juan Manuel Lema, xunto cos investigadores do Instituto CRETUS Sabela Sabela Balboa e Miguel Mauricio, Viaqua e o Servizo de Microbiología e Parasitología do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi).
A hipótese de partida do traballo, que se iniciou en abril, baseábase en que a maior afinidade dos virus envoltos polos biosólidos facía máis probable a súa detección nas correntes de lodos onde se concentran os sólidos en suspensión das augas residuais. A verificación desta hipótese permitiu alcanzar o obxectivo principal: entender o comportamento do material xenético do SARS-CoV-2 na EDAR para poder identificar onde se concentra e verificar a seguridade da auga tratada.
A mostraxe de varios puntos no tratamento primario, secundario e de lodos na EDAR de Ourense (instalacións de Viaqua na que se realizou o estudo) demostrou que, en efecto, a maioría das partículas do SARS-CoV-2 non poden ser detectadas no efluente de auga xa que son retidas pola liña de lodos, resultando por tanto as depuradoras eficaces e seguras para eliminar o material vírico.
Ademais, observouse que a liña de lodos actúa como concentrador do material xenético do SARS e púidose identificar o espesador de lodos como o punto máis adecuado para detectar o virus na EDAR grazas á súa maior concentración de sólidos (máis partículas de virus) e un maior tempo de residencia (menos sensible á dilución causada pola precipitación). Estas primeiras conclusións recóllense no artigo (preprint) ‘The fate of SARS-CoV-2 in wastewater treatment plants points out the sludge line as a suitable anuncio for incidence monitoring’, de recente publicación. Os resultados obtidos tiveron unha gran acollida e desde Augas de Galicia barallan estender este estudo ás EDAR de Vigo, Viveiro, Ribeira, Sanxenxo, Lugo e Ferrol.