Nova edición do concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia da USC convoca a segunda edición do concurso #TEDSaúde de subtitulación de vídeos TED (do inglés, Technology, Entertainment, Design) da área da saúde ao galego.
TED, organización sen ánimo de lucro dedicada ás "Ideas dignas de difundir", é amplamente coñecida polo seu congreso anual (TED Conference) e as súas charlas TED Talks, que cobren un amplo espectro de temas que inclúen ciencias, arte, deseño, política, educación, cultura, negocios, asuntos globais, tecnoloxía, desenvolvemento e lecer. Desde xuño de 2006, as máis de 1.000 charlas TED están dispoñibles en liña no sitio web de TED (tamén en YouTube e en iTunes) e é posible subtitulalas en diferentes idiomas.
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia, consciente da escaseza de contidos divulgativos relacionados coas ciencias da saúde en galego, propuxo unha actuación para motivar, entre outros destinatarios, ao alumnado e ao profesorado do centro para contribuír a crealos mediante a subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego.
Dúas modalidades
O concurso da USC contempla dúas modalidades, unha dirixida a membros da USC non pertencentes á comunidade TED –cun premio único de 250 euros– e outra xa para membros desa comunidade, dotado con 150 euros para o mellor.
No primeiro dos casos, de non ter experiencia na subtitulación de vídeos TED ao galego deberase inscribir ata o 30 de marzo nun obradoiro gratuíto de catro horas para aprender como funciona a plataforma de tradución e subtitulación e previr sobre os erros máis frecuentes da tradución inglés-galego. Será o mércores 5 de abril de 16.00 a 20.00 horas na Aula Informática 2 da Facultade de Bioloxía. Hai 20 prazas que se cubrirán por orde de inscrición, con lista de agarda. Despois disporase ata o 30 de abril para realizar a tradución e subtitulación do vídeo TED.
Todas as persoas que participen recibirán un diploma da USC de asistencia á actividade por catro horas así como unha constancia da experiencia de tradución e subtitulación.
Quen xa sexa membro da comunidade TED poderá participar neste concurso inscribíndose previamente en snl.concurso.subtitulacion [at] usc.es (snl[dot]concurso[dot]subtitulacion[at]usc[dot]es) ata o 30 de marzo. Dispoñerá ata o 30 de abril para realizar a tradución ao galego e a subtitulación dun vídeo TED da área de saúde segundo as instrucións que se indiquen por correo electrónico.