Ir o contido principal

Nova edición dos cursos de posgrao e formación continua en medicina china

A USC achega coñecementos de medicina china na oitava edición dos Cursos de Posgrao e Formación Continua en Acupuntura e Moxibustión nos que se proporcionará un coñecemento sólido das súas bases e métodos terapéuticos xunto cunha introdución da famacopea china. O prazo de inscrición nas clases, dirixidas a licenciados en Medicina e Farmacia e organizadas polo Departamento de Fisioloxía, xa está aberto.
Co obxectivo principal de capacitar aos alumnos para o exercicio destas prácticas médicas dunha forma segura e eficaz, os cursos están a cargo de profesores médicos ex bolseiros na República Popular China onde obtiveron unha experiencia profesional de máis de 6 anos de duración xunto con docentes de nacionalidade china e da Facultade de Medicina da USC.
O Hospital Clínico Universitario de Santiago será o lugar de realización das sesións académicas nas que tamén colaborarán os Servizos de Anestesia e Reanimación, coa súa Unidade do Dor, e de Rehabilitación.
Máster e cursosO Máster de Acupuntura e Moxibustión terá unha duración de dous anos durante 36 fins de semana e trescentas horas de prácticas aínda que existe a modalidade intensiva cun mínimo de cinco meses. Ademais, impartirase o Curso de Especialización Introdución á Acupuntura e o seu Uso no Tratamento da Dor durante un ano, coa versión reducida de tres meses, e cen horas para aplicar o aprendido.
Por outra banda, ofrécense cursos de formación continua sobre aspectos tan variados como as bases anatómicas e neurofisiolóxicas da acción da acupuntura, teoría de medicina tradicional china, métodos diagnósticos, dietética ou tratamentos de patoloxías xinecolóxicas, dixestivas, respiratorias, psicoemocionais, urolóxicas, cardiovasculares, pediátricas ou dermatolóxicas, entre outras moitas cuestións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2008.