Ir o contido principal

Nova edición dos cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación

Estruturar os contidos, citar, elaborar bibliografías, automatizar índices, redactar con calidade ou utilizar correctores automatizados son destrezas comunicativas que moitos estudantes universitarios necesitan mellorar. Para logralo, o Servizo de Normalización Lingüística da USC organiza os Cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación que teñen a matrícula aberta ata o 9 de decembro. Trátase de cursos de 30 horas dirixidos a estudantes que desexen mellorar a calidade formal dos seus traballos, poñendo en xogo elementos lingüísticos, comunicacionais e informáticos a prol da lexibilidade dos textos. Preferentemente diríxense aos universitarios que estean preparando a tese de doutoramento, memoria de licenciatura, traballo de investigación tutelado, proxecto de fin de carreira ou traballos académicos de curso. Recoñecido cun crédito de libre configuración, o curso comezará o 12 de decembro e as clases impartiranse de luns a xoves ata o día 22 dese mesmo mes. Posteriormente haberá tres sesións de avaliación os días 17, 18 e 19 de xaneiro. En Lugo as aulas serán pola mañá na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, mentres que en Compostela se impartirán en Psicoloxía, Dereito e Filosofía en varios horarios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2011.