Nova edición da Install Party na ETSE
Organizada pola Asociación de Usuarios de Linux da USC (AULUSC), a Escola Técnica Superior de Enxeñaría organiza para este xoves e venres unha nova ‘Install Party’ de Linux. A xornada desenvolverase de 12:00 a 14:00 horas na Aula I8 das instalacións que a Escola ten no Edificio Monte da Condesa (Campus Sur).
O obradoiro impartido por membros de AULUSC consiste na instalación segura da plataforma Linux nos equipos dos asistentes, de xeito que ao final da actividade teñan un sistema operativo plenamente funcional, con todo tipo de aplicacións libres tanto de traballo (ofimática, desenvolvemento de software, deseño gráfico, multimedia,...) como para ocio e diversión. Nesta ocasión vaise utilizar a distribución Galinux, recentemente publicada polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia, mancomun.org.
Aínda que a actividade está orientada prioritariamente a estudantes de primeiro curso da titulación Enxeñeiro Técnico en Informático de Sistemas, nesta ocasión poden participar tamén outros membros da comunidade universitaria. Dende a súa primeira edición en 2004 asistiron a ela máis de cen interesados.