Nova edición dos IX Premios á calidade lingüística

A Universidade de Santiago convoca unha nova edición dos Premios á calidade lingüística, para o fomento do uso do galego entre o alumnado ligado ao espallamento da cultura da calidade. O certame recoñece os mellores traballos académicos, proxectos de fin de carreira, de fin de grao e de fin de mestrado redactados en galego neste curso académico 2012-2013. Os premios á calidade lingüística vense moi remodelados nesta novena edición. A iniciativa esténdese por vez primeira a todos os centros e titulacións da USC, e daquela, todos os estudantes de grao, enxeñaría ou mestrado da USC que fagan os seus traballos en galego e obteñan cando menos a cualificación de aprobado poderán optar a estes premios, que contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Tamén o número de premios sofren modificacións. Así, concederanse cinco, un por cada grande área de coñecemento, en cada unha das tres modalidades. Aos premiados/as nos traballos académicos de curso corresponderalles 150 euros, 300 euros para os proxectos de fin de carreira e de fin de grao e 400 para os mellores traballos de fin de mestrado. En todos os casos reciben ademais un diploma para o seu curriculum. Habilidades necesarias A presentación axeitada dun traballo ou documento dende o punto de vista formal (calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño, e por suposto, corrección lingüística e terminolóxica) é unha habilidade comunicativa que calquera universitario/a debe posuír, e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega. As bases do certame atópanse nun web no que ademais o alumnado poderá atopar recursos de apoio para mellorar a calidade dos seus traballos académicos, como léxicos e vocabularios, recomendacións de estilo académico ou a base de datos terminolóxica multilingüe bUSCatermos, con máis de 100.000 entradas.