Ir o contido principal

A segunda edición do proxecto SINDUR creará un sistema que integre a produción agraria familiar no mercado global

A fase experimental do proxecto levarase a cabo en granxas seleccionadas nos Concellos de Brión e de Antas de Ulla

Mediante o uso das novas tecnoloxías, o proxecto Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano Rexional (SINDUR) da USC comeza a súa segunda edición coa creación dun sistema de xestión de información que fomente a comercialización no mercado global dos produtos elaborados en explotacións familiares. Esta iniciativa, que finalizará en 2009, tamén pretende mellorar os lazos de comunicación entre as granxas do medio rural para que intercambien maquinaria agrícola ou gando, entre outros bens.
A fase experimental do proxecto realizarase en granxas dos municipios de Brión e Antas de Ulla e, nun prazo de tres anos, abrirase á participación das explotacións familiares galegas que desexen comercializar cos seus produtos nun mercado global.
O proxecto, dirixido polo profesor Carlos Ferrás Sexto, desenvolverase a través da páxina web www.granxafamiliar.com e mediante unha rede de oficinas nas que se atenderá telefónica e persoalmente aos compradores e vendedores. Ademais, esta segunda edición contará coa colaboración dos Concellos, a Fundación Feiraco, a Fundación Caixa Galicia e Cáritas Galicia grazas a un convenio que se asinará en breve.
Outros proxectosEnmarcado no Grupo de Investigación Socio-Territorial do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (GIS-T IDEGA) da Universidade de Santiago, SINDUR levou a cabo varios proxectos tecnolóxicos financiados polo Ministerio de Educación e Ciencia. Entre eles, destaca a creación da comunidade virtual con contidos de interese para o Concello de Brión (http://www.infobrion.com) que sirve para atraer a todos os veciños cara á Sociedade da Información promovendo a utilización das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións como un xeito de acadar un novo desenvolvemento social e económico en espazos locais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.02.2007.