O edificio Cactus de Lugo celebra unha xornada de spin-off universitarias
O edificio Cactus do Campus de Lugo acollerá o vindeiro venres 22 unha xornada de spin-off universitarias na que se analizará aspectos como a creación de empresas de base tecnolóxica en universidades ou o seu financiamento. O encontro, organizado pola Área de Autoemprego da USC, está dirixido a profesores, investigadores, estudantes do 3º ciclo ou calquera persoa interesada.
Os relatorios comezarán ás 11:00 horas na Sala de Xuntas do centro coas explicacións do coordinador técnico do Programa Empresa-Concepto, Roberto Graña Escalante, sobre o ‘Apoio á creación de spin-offs na Universidade. Incidencia da reforma da LOU. O programa Empresa Concepto’ e a continuación a técnica de Unirisco Galicia, Yolanda Falcón García, disertará sobre o financiamento destas sociedades. A xornada remata co testemuño do director da Aula de Produtos Lácteos, Juan Méndez Dónega, quen falará sobre as experiencias de creación de empresas dende este centro lugués.
Spin-offAs spin-offs son empresas que se constitúen a iniciativa dos membros da comunidade universitaria e que explotan os coñecementos e as tecnoloxías xeradas nos traballos de investigación realizados na propia universidade. Son, deste xeito, unha das formas de transferencia tecnolóxica e de coñecemento desde a universidade á sociedade.