A editora da Revista Española de Investigación Agrícola fala este venres sobre os artigos científicos en publicacións de impacto
A editora da revista ‘Spanish Journal of Agricultural Research’, Carmen de Blas, reflexionará este venres 6 nunha charla sobre os criterios que os investigadores en formación deben seguir para as súas publicacións científicas. No relatorio ‘A publicación de artigos científicos en revistas de impacto’, de Blas tentará dar resposta a todas as cuestións relacionadas cos obxectivos e os problemas que os estudantes poden atopar á hora de escribiren os seus artigos e dar difusión aos seus coñecementos científicos.
A revista da que é editora Carmen de Blas é a única publicación española existente no ámbito agrario que se atopa dentro da ISI Web of Knowledge (http://www.accesowok.fecyt.es/ccc/), un club selecto de revistas científicas con índice de impacto sometidas a un proceso de revisión que garante a calidade científica das súas publicacións.
O relatorio está enmarcado dentro do programa de doutoramento ‘Enxeñaría para o desenvolvemento rural’, con mención de calidade do Ministerio de Educación e Ciencia.
A charla, que terá lugar ás 16:00 horas na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, está dirixida a alumnos de terceiro ciclo do departamento de Enxeñaría Agroforestal, pero está aberta a todas as persoas interesadas relacionadas con este sector.