A EDIUS impulsa un Sprint de innovación na que o alumnado resolverá un reto empresarial real
O Sprint de innovación, organizado pola Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS), pretende involucrar a coordinadores/as e estudantado de doutoramento na resolución dun reto empresarial real, proposto por empresas ou administracións da súa contorna, contribuíndo así a impulsar a innovación, fomentar a transferencia de coñecemento e reforzar os vínculos da USC coa comunidade local. O programa consta de catro xornadas de traballo intensivas durante as cales, partindo dos retos propostos por dúas empresas, estudantado e coordinadores/as traballan de maneira conxunta para crear solucións innovadoras, seguindo un proceso de innovación estruturado dende a oportunidade ata a solución.
Na primeira das sesións, analizouse o contexto do reto formulado para identificar oportunidades que axuden á súa resolución. Este martes 23, no Centro de Estudos Avanzados (CEA), de 13.00 a 15.00 horas, desenvolverase a seguinte xornada co obxectivo de definir ideas para aproveitar as oportunidades identificadas e deseñar solucións. As vindeiras sesións tamén se desenvolverán no CEA os días 30 de maio e 6 de xuño.
Noelia Rodríguez e Beatriz García Cibreiro forman parte do equipo que coordina esta actividade. Noelia Rodríguez, quen conta cunha ampla traxectoria internacional de máis de 19 anos, centra a súa actividade profesional na formación e asesoramento a entidades empresariais e educativas nas áreas de innovación estratéxica, deseño de negocio (Business Design) e emprendemento. Pola súa banda, Beatriz García, xornalista, formadora e emprendedora, desenvolve o seu labor profesional como consultora especializada na comunicación corporativa.
Esta idea xurdiu mentres se estaban a definir as estratexias de innovación dentro da programación da EDIUS. Noelia Rodríguez explica que lles pareceu “unha boa idea organizar un sprint colaborativo, unha acción que xa se está facendo en moitas empresas e que adoita dar moi bos resultados”. Engade que o principal obxectivo para alumnado e directores/as ou titores/as é “aprender novas habilidades e coñecer o modelo de transferencia”. As empresas que colaborarán neste primeiro Sprint de innovación son o Grupo Malasa, do sector do retail, hoteleiro, restauración e vivendas privadas; e Tecalis, de innovación tecnolóxica.