A educación social, unha aliada máis para a normalización da lingua galega na sociedade
![Parte das persoas asistentes á primeira das xornadas Parte das persoas asistentes á primeira das xornadas](/sites/default/files/styles/content_inner_main_image/public/image/2024-03/xornada_ciencias_educacion_0324.jpg?h=8b8af204&itok=MxkrIl5C)
As xornadas ‘Apoderamento lingüistico. Ferramentas dende a educación social’ realizan este martes 12 de marzo e o vindeiro martes 19 de marzo unha reflexión colectiva na Facultade de Ciencias da Educación a través de contidos e metodoloxías que faciliten a toma de consciencia sobre as posibilidades e responsabilidade da Educación Social como axente activo na reparación e normalización social da lingua.
A exposición das persoas formadoras, educadoras sociais da Asociación Rexenerando S. Coop., combínanse nas xornadas co traballo persoal e grupal das persoas participantes. O primeiro módulo aborda o contexto sociolingüístico e as potencialidades da Educación Social. O segundo estuda prexuízos e estereotipos lingüísticos e o terceiro analiza propostas de intervención desde o eido da educación Social en materia de normalización lingüística.
Os obxectivos son promover a corresponsabilidade na normalización social do galego como parte do ámbito competencial da Educación Social, deseñar prototipos de intervencións desde a Educación Social para a normalización lingüística e a activación de falantes, contribuír a desenvolver a implicación sociolingüística das futuras persoas graduadas en Educación Social e promover a comprensión da situación sociolingüística actual cun enfoque sensible ás desigualdades sociais.
![Cartel das xornadas Cartel das xornadas](http://assets.usc.gal/sites/default/files/styles/content_inner_image/public/paragraphs/imaxe/2024-03/xornada_cc_edu.png?itok=5e2ieaXj)