Ir o contido principal

A máis educación social, máis cidadanía

Ciencias da Educación celebra este xoves o Día Internacional da Educación Social

A Facultade de Ciencias da Educación celebra este xoves o Día Internacional da Educación Social co lema ‘A máis educación social, máis cidadanía’, unha xornada na que participan o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia CEESG) e a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade, que organiza neste marco a VII Xornada ‘Os Recursos Educativos en Galego: Educación Social’ co fin de crear un espazo para o debate e a reflexión ao redor dos recursos educativos en lingua galega. O evento inaugurárono o vicedecano da Facultade, Suso Rodríguez; a presidenta do CEESG, Sofía Riveiro; o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Singala, e a coordinadora da titulación, Carmen Morán. A continuación tivo lugar unha mesa de experiencias na que participaron educadoras e educadores sociais en exercicio que amosaron o seu labor en diversos ámbitos. No da cultura, Lucía Mosquera, do Concello de Teo; en educación sexual Isabel Presas, do Centro Quérote+ de Santiago; e no traballo con maiores Millán Brea, de Lúcete Lecer. A xornada inclúe ademais catro obradoiros sobre educación ambiental, recuperación de tradicións, educación sexual e infancias e adolescencia no que participación de Ríos de Adega, a Asociación cultural Raiceiros de Vedra, o Centro Quérote+ de Santiago e o Grupo Escaravellando do CEESG.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2014.