Ir o contido principal

O efecto da globalización na medicina, a debate na segunda xornada do Congreso Ibérico de Estudantes de Medicina

O encontro inaugurouse este mércores na Facultade compostelá

Cunha mesa redonda sobre globalización e medicina dará comezo a segunda xornada do segundo Congreso Ibérico de Estudantes de Medicina (CibEMe) que desde este mércores reúne na USC a trescentos estudantes desta titulación de España e Portugal.
O encontro inaugurouse na Facultade nun acto no que participaron o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayan; o director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, Germán González Pazó; o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, José María Fraga; o director xerente do CHUS, Jesús Caramés; o presidente do comité científico do congreso, José Ramón González-Juanatey; e o presidente do comité organizador, Marcos Magalhães.
CibEMe, ao que asisten alumnos españois e portugueses de dez universidades da Península, é o único congreso de estudantes de Medicina exclusivamente ibérico que naceu o pasado ano coa finalidade de permitir unha maior cooperación entre as Facultades de Medicina, os centros de investigación e as comunidades científicas de ambos os dous países.
Programa do xoves 30Logo da mesa redonda, a partir das 9:30 horas, sobre o efecto da globalización na medicina terá lugar outro panel de debate sobre investigación e xestión médica no que participarán o asesor do Secretario de Estado da Investigación, Peter Klatt; o conselleiro científico do Grupo Zeltia, Eduardo Gómez Acebo; e o director xerente da Fundación IDICHUS, José Ramón Seoane.
Xa ás 16:00 horas a sesión dedicarase a discutir as saídas profesionais dos titulados, para rematar a xornada ás 18:0 horas coa presentación dos traballos ao Premio Cibeme’08.
Espírito de melloraA pretensión dos organizadores, a Asociación para o Fomento da Investigación e Educación Médica (Afiemed) fundada en 2007 na Facultade compostelá de Medicina, é que a actividade investigadora e o desenvolvemento científico poidan traducirse, no futuro, nunha mellora das capacidades técnicas e humanas dos médicos e investigadores e, consecuentemente, “no avance e no descubrimento de novas e máis eficaces terapias e vías de tratamento en aras de mellorar o servizo prestado aos pacientes e á comunidade”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2008.