Unha elección máis doada

Gastronomía, música, paisaxes, estilos de vida, economía cotía... todo interesa para decidir finalmente a onde marchar o próximo ano a cursar estudos universitarios cun dos programas de mobilidade que ofrece a USC.
Arxelia, China, Australia, Siria, Armenia, Bolivia, Afganistán, Exipto, Italia, Perú, Alemaña, Xapón, Corea do Sur ou mesmo Kazajistán son algunas das propostas que este xoves se mostran no ‘ International Day’, unha xornada festiva que reúne máis de 50 expositores nos que o alumnado estranxeiro que cursa estudos na USC amosa as particularidades dos seus países de orixe.
Coa iniciativa preténdese difundir os programas de mobilidade internacional públicos e privados, no eido da educación, voluntariado e educación non formal, facilitando a elección dun futuro destino a aquelas persoas interesadas nesta modalidade.
Organizada pola asociación Erasmus Compostela xunto coa Vicerreitoría de Internacionalización da USC e a Secretaría Xeral de Universidades, a xornada inaugurouse oficialmente nun acto no que participaron a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica, Mª Jesús Tallón Nieto; a adxunta á Vicerreitoria de Internacionalización da USC, Mª Luz Loureiro García; e o secretario da Asociación Erasmus Compostela, Francisco Rubia.