Elena López Lago continuará á fronte do decanato de Física
A profesora María Elena López Lago seguirá durante outros catro anos máis á fronte do decanato da Facultade de Física logo de ser elixida co 91,3% do voto emitido. O equipo de goberno complétano a vicedecana Beatriz Fernández Domínguez e o secretario Manuel Vázquez Ramallo. López Lago, candidata única nos comicios celebrados o xoves 12 de maio, foi tamén, durante nove anos, secretaria deste centro da USC. Ademais, coordina o grao en Física, a simultaneidade de estudos en Física e Química e o mestrado en Física.
Profesora titular dende 2012, López Lago está adscrita ao Instituto de Materiais (iMATUS) da USC e a súa traxectoria investigadora céntrase no desenvolvemento de instrumentación para caracterización de materiais. Conta con máis de 70 publicacións científicas e catro teses dirixidas, alén de ter participado en preto dunha vintena de proxectos de investigación, os últimos centrados na caracterización óptica de líquidos iónicos (do que foi investigadora principal) e ionoxeles con vistas á súa aplicación como electrolitos. Máis recentemente, traballou no estudo da interfase electrodo-electrolito.
Atopar novos espazos docentes “adecuados ás necesidades actuais do centro e equipamentos máis modernos para os laboratorios” é unha das metas que a decana persegue de cara a este novo mandato. López Lago pretende tamén mellorar as infraestructuras do centro ao ter “moi baixa eficiencia enerxética”, explica. Consolidar a oferta de grao e mestrado, actualizando esta última para garantir a empregabilidade dos egresados/as e a formación do futuro persoal científico “con vistas a un imprescindible relevo xeracional” serán outros dos obxectivos sobre os que pivotará esta nova etapa á fronte do decanato.