Ir o contido principal

Elena Vázquez Cendón tomou posesión como decana de Matemáticas nun concorrido acto en San Xerome

Elena Vázquez, nun momento da súa intervención en presenza do reitor
Elena Vázquez, nun momento da súa intervención en presenza do reitor

A profesora Elena Vázquez Cendón tomou posesión esta mañá do seu cargo como decana da Facultade de Matemáticas da USC nun acto no que confesou sentirse “admiradora, debedora e sempre alumna da historia de compromiso social das Matemáticas con Galicia e coa transferencia do coñecemento”.

Na concorrida cerimonia en San Xerome, que presidiu o reitor Juan Viaño, Elena Vázquez Cendón estivo acompañada das profesoras que a acompañarán nos catro próximos anos á fronte do equipo decanal: Rosana Rodríguez López como vicedecana, que asumirá a coordinación do grao en Matemáticas e os dous dobres títulos, e Beatriz Pateiro López como secretaria e responsable dos programas de mobilidade.

O seu discurso, no que tivo palabras de agradecemento para todo o persoal de administración e servizos que fan parte da vida diaria do centro, xirou en torno á idea da comunicación como fonte de colaboración dentro da facultade e da USC. Falou, por exemplo, da colaboración cos dous centros cos que comparte os dobres títulos -a ETSE e a Facultade de Física–, co Instituto de Matemáticas da USC, co Instituto Tecnolóxico en Matemática Industrial ou coas diversas entidades grazas ás que son posibles realidades de éxito como o programa Estalmat de estímulo de talento matemático da que ela mesma é coordinadora xeral.

Na intervención emotiva e optimista da profesora Vázquez Cendón houbo tamén espazo para a preocupación pola reposición do talento experto que, asegurou, se proxectará no plan estratéxico do centro definindo accións de reposición de prazas, “que terán que actuar como atractores de talento e non como sumidoiros deste, como agora acontece nalgúns casos”. A este respecto, o reitor lembroulle a recente sinatura coa Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dun convenio de actuación no ámbito das matemáticas que achega medio millón de euros no trienio 2017-2019 para distintas actuacións de captación.

Pola súa banda, no acto Viaño remarcou o entusiasmo como aquela característica que define á nova decana. “Ese entusiasmo será o que dedique nos vindeiros anos para dirixir a Facultade, un centro que ten acadado posicións de referencia tanto na docencia como na investigación, con numerosos recoñecementos para o seu persoal investigador máis curtido pero tamén para as mozas e mozos que comezan connosco a súa carreira”, manifestou.

Elena Vázquez Cendón
A nova decana, que substitúe no cargo á profesora Victoria Otero Espinar, ten acreditada a súa experiencia de xestión como vicerreitora de estudantes da USC entre 2002 e 2006. Dende 1989 desenvolve o seu labor docente na USC, primeiro na Escola Universitaria de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas do campus de Lugo e logo no de Compostela, en Óptica e Optometría, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nas Facultades de Matemáticas, Química e Física. Na actualidade é docente no grao de Enxeñaría Informática e no máster en Matemática Industrial, do que é coordinadora xeral.

Forma parte do grupo de investigación en Enxeñaría Matemática coordinado polo profesor Alfredo Bermúdez de Castro. Actualmente é investigadora principal xunto con Jerónimo Rodríguez do proxecto ‘Métodos numéricos eficientes en dinámica de fluídos e interacción fluído-estrutura. Aplicacións á enerxía e o medio ambiente’. Liderou tres proxectos de investigación, dous contratos con institucións e empresas e participou noutros once proxectos e cinco contratos.

Publicou 28 artigos científicos en revistas do JCR e outros 25 documentos científicos que conxuntamente superan as 3.200 citas no seu perfil público no Google Académico, cun índice h de 19. Ademais, é editora de tres monografías e autora de dous libros.

A Facultade de Matemáticas
A Facultade compostelá de Matemáticas está valorada como a mellor de España polo ránkin de Shanghai, que a sitúa nas 100 primeiras posicións do mundo sendo referente internacional en matemática industrial, matemática pura e técnicas estatísticas.

O centro compostelá imparte actualmente o grao en Matemáticas e comparte os dobres graos de Enxeñaría Informática e Matemáticas e de Matemáticas e Física. Entre todos eles suman un total de 560 alumnos e alumnas. Ademais, na súa oferta inclúense tes programas de doutoramento e outros tantos mestrados en Técnicas Estatísticas, en Matemáticas e en Matemática Industrial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2017.