Ir o contido principal

O embaixador de Polonia rememora nunha conferencia en Dereito o 35 aniversario da reanudación das relacións diplomáticas con España

O embaixador de Polonia rememora nunha conferencia en Dereito o 35 aniversario da reanudación das relacións diplomáticas con España
O embaixador de Polonia rememora nunha conferencia en Dereito o 35 aniversario da reanudación das relacións diplomáticas con España

O embaixador de Polonia en España, Ryszard Schnepf, impartirá este mércores 25 a conferencia ’3 5 aniversario da reanudación das relacións diplomáticas polaco-españolas’. Con entrada libre e organizada pola Vicerreitoría de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, a conferencia comezará ás 19.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito. Esta conferencia é un dos actos que vai desenvolver o embaixador na súa visita institucional a Galicia os días 25 e 26. É a segunda visita do máximo representante de Polonia en España nos últimos tres anos, o que vén subliñar a importancia das relacións do estado e das rexións polacas coa comunidade galega e da cooperación bilateral hispano-polaca. Ryszard Schnepf (Varsovia, 1951) traballou dende 1978 na Cátedra de Estudos Hispánicos da Universidade de Varsovia, primeiro en calidade de profesor asistente e logo como profesor adxunto e subdirector da Cátedra. Nos anos 1982-1983 foi profesor na Universidade Indiana en Bloomington, nos Estados Unidos. Alí desenvolveu unha investigación sobre os movementos estudantís en América Latina e impartiu clases sobre historia contemporánea de Polonia.

Dende 1991 traballa no Ministerio de Asuntos Exteriores, como embaixador en Uruguai e Paraguai nos anos 1991-1996. En xuño de 2000 incorporouse á Embaixada de Polonia en Madrid como ministro plenipotenciario responsable de asuntos da Unión Europea. Dende o 2 de decembro de 2008 é embaixador de Polonia en España e o para o Principado de Andorra. É autor de máis de 40 publicacións científicas e artigos sobre as relacións internacionais, sobre todo de América Latina. Ademais é co-autor dun libro sobre Historia da colonia polaca en América Latina, premiado pola Asociación Polonia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2012.