Ir o contido principal

Embaixadores de excelencia da USC

O reitor Antonio López destacou a importancia de promover a mobilidade do estudantado. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López destacou a importancia de promover a mobilidade do estudantado. FOTO: Santi Alvite
Entregados os premios ao alumnado que acadou o mellor rendemento académico no estranxeiro e aos investigadores que promocionaron a USC no exterior
Santiago de Compostela

O reitor da USC, Antonio López Díaz, entregou este xoves 30 os diplomas aos gañadores e gañadoras da III edición dos Premios á Excelencia dos estudantes da USC e da Promoción da USC en destinos internacionais. Ambos os dous galardóns son convocados con carácter anual pola Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización.

O Premio á excelencia dos estudantes nos destinos internacionais recoñece ao alumnado da USC coa mellor nota media acadada nos créditos cursados ao abeiro de programas de mobilidade, nesta ocasión con notas superiores a 8. Así, foron recoñecidas María Ventoso Prado, da Facultade de Filoloxía; Irea Mosquera Lois, da Facultade de Química; Iván Rodríguez González, da Facultade de Psicoloxía; Sabela Fernández Rial da Facultade de Educación e Jorge Garnelo Prado, da Facultade de Comunicación, que realizaron intercambios en Francia, Reino Unido, Romanía, República Checa e México. 
 
O reitor Antonio López destacou a importancia de promover a mobilidade do estudantado e salientou que os convenios de intercambio, máis de 600 actualmente, abranguen os cinco continentes. “Na USC recibimos máis de 1.000 estudantes internacionais cada curso académico e enviamos arredor de 800”, indicou. “A internacionalización é vital hoxe en día, xa que a diversidade implica un gran valor engadido. Tanto os alumnos que acollemos como os que recibimos son embaixadores da USC no exterior, que promocionan a nosa institución. Por outra banda, o índice de satisfacción do alumnado internacional é moi alto, xa que un 90% indica que repetiría a súa experiencia na universidade compostelá”. 

Vantaxes da internacionalización
No acto interveu tamén Víctor Arce, vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, que salientou na súa intervención as vantaxes da participación da alumnado neste tipo de programas. “En 2017 a Comisión Europea publicou un informe sobre os beneficios da internacionalización nas universidades no que se constatou que un terzo do alumnado que participa en Erasmus+, ten un índice máis alto de inserción laboral e unha remuneración un 25% maior”, destacou. “Ademais a experiencia de vivir e estudar fóra incide nos denominados `soft skills´, que son outras competencias alén do ámbito académico que fomentan o pensamento crítico, a capacidade analítica e o traballo en equipo. Estas habilidades entroncan cos perfís de carácter transversal que buscan hoxe en día as empresas”, engadiu.

Promoción da USC no exterior
Pola súa banda, o premio á promoción establécese para calquera membro da comunidade universitaria que tras facer unha mobilidade internacional baixo calquera dos programas de mobilidade nos que participe a USC acrediten actividades de promoción da institución compostelá nas universidades de destino.

Na área de Ciencias acadaron o premio Julia Novoa Fernández e Sara Sande Caamaño e na de Ciencias da Saúde o premio recaeu en Iván Rodríguez González. Na rama de Ciencias Sociais e Xurídicas recibiron o galardón Adrián Álvarez e Mª del Carmen Sánchez Carreira e na de Enxeñería e Arquitectura o ganador foi Ignacio Javier Díaz-Maroto Hidalgo. 

Foto de familia cos premiados. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia cos premiados. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2020.