Os embaixadores da Unión Europea en España coñecen o valor de investigar na USC

Baixo o lema ‘O valor de investigar’, vinte e dous embaixadores da Unión Europea en España reuníronse este luns na USC. O encontro, celebrado no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS, no Campus Vida), comezou coa intervención do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, do embaixador de Irlanda, Justin Harman, e do reitor Juan Casares, que presentou unha proxección audiovisual realizada polos grupos de investigación e partners da USC sobre a súa capacidade para xerar valor empresarial, económico e social. A continuación, despois de que Justin Harman felicitase á Universidade polo Campus de Excelencia e polo posto que ocupa entre as mellores de Europa, segundo os distintos ránkings, a comitiva visitou o CiMUS guiada por investigadores líderes da USC que lle achegaron coñecemento directo dos proxectos e avances en investigación biomédica e desenvolvemento de medicamentos que se levan a cabo no centro. No acto estiveron os vicerreitores de Investigación e Innovación e de Relacións Exteriores e Internacionalización , Francisco González García e Victor Millet Schröder, respectivamente, o director do CiMUS, Carlos Dieguez, e un nutrido grupo de investigadores dos proxectos ‘ Nanomedicina: Nanotecnoloxías aplicadas ao deseño de sistemas de liberación de fármacos’ e `INNOPHARMA: Plataforma de Farmacoxenómica para o descubrimento temperá de medicamentos´, así como outros que traballan e lideran investigacións punteiras, nos campos da obesidade, a neuroendocrinoloxía e a oncoloxía.