Ir o contido principal

Emotiva homenaxe ao profesor Javier Rojo Sánchez na súa Facultade

Na homenaxe interviñeron numerosos compañeiros e amigos, ademais de familiares (Foto: Santi Alvite)
Na homenaxe interviñeron numerosos compañeiros e amigos, ademais de familiares (Foto: Santi Alvite)

“É imposible non estar tristes; a súa ausencia doe, pero a súa lembranza fainos sorrir”. Así se expresaba este luns en Ciencias Económicas e Empresariais a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez, no acto de homenaxe ao seu colega o profesor Javier Rojo Sánchez, falecido o pasado ano.

A Facultade quixo reunir nun día coma hoxe a todas as amizades e compañeiros do que foi decano entre os anos 1995 e 2003. Entre eles o ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, que destacou o carácter sempre conciliador de Rojo; a ex alumna Pilar Murias Fernández, o seu amigo e compañeiro Jaime Barreiro Gil; ou o director do Departamento de Economía Aplicada, Edelmiro López Iglesias.

Todos eles coincidiron en subliñar a súa dimensión persoal e profesional, a dedicación apaixonada que marcou a súa vida ou a súa permanente entrega á Universidade como profesor, investigador, decano e director do departamento.

Interveu tamén no acto a decana da Facultade, Emilia Vázquez Rozas, que fixo unha lembranza dos numerosos éxitos do profesor homenaxeado durante os seus anos á fronte do decanato do centro. Dende a renovación das fiestras de todo o centro ou a mellora da hemeroteca e o depósito da biblioteca ata a solución de conflitos derivados de cuestións alleas ao centro, pasando pola ampliación da facultade, “unha importante actuación para a que consultou a opinión de todos nós”.

A decana lembrou tamén que foi o profesor Rojo quen a mediados da década dos 90 detectou a necesidade de formación especializada nas áreas de finanzas e seguros, de xeito quen en 1996 comezou o Mestrado en Banca, finanzas e seguros que dirixiu xunto a Luis Otero e que “se afianzou como un dos estudos de posgraos en finanzas de maior prestixio en España”.

O acto, que contou cunha nutrida asistencia, rematou cunha sentida intervención da filla do profesor, Nela Rojo, que agradeceu de maneira sincera a todas as persoas “que trataron e respectaron a meu pai”.

De dereita a esquerda, Edelmiro López, Dolores Álvarez e Emilia Vázquez (Foto: Santi Alvite) A sala da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ateigouse de público (Foto: Santi Alvite)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2017.