Ir o contido principal

Emotiva homenaxe ao profesor Lois Ferradás

Emotiva homenaxe ao profesor Lois Ferradás
Emotiva homenaxe ao profesor Lois Ferradás

Numerosas amizades e colegas de profesión do profesor de Ciencias da Educación da USC Lois Ferradás asistiron á homenaxe que esta mañá tivo lugar no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e que rematou cun fraternal xantar no restaurante Carretas.

As intervencións do acto inaugurounas Andrés Torres Queiruga, de quen Ferradás foi discípulo, que falou da etapa máis nova do homenaxeado, o da persoa e mestre no seu período de formación. Continuou Paco Veiga, mestre e compañeiro en ‘Preescolar na Casa’, que contou a súa etapa inicial como mestre rural. Seguiulles Pilar Candocia, responsable da posta en marcha da rede de escolas infantís Galescolas, con quen Ferradás colaborou activamente, e rematou Felipe Trillo Alonso, director da súa tese de doutoramento, para falar da súa faceta como profesor universitario.

Lembrou o reitor no mesmo acto que o homenaxeado “foi a persoa que liderou os diferentes cambios de plans de estudos e un dos que mellor definiu o rumbo que esta universidade debera trazar en cada momento”. “A súa opinión –continuou– sempre é fundamental para tomar decisións críticas e que nos permiten gozar hoxe dunha facultade de Ciencias da Educación cunha excelente demanda, unha magnífica produción científica e cun prestixio que só foi posible gañar ao longo dos anos”.

Lois Ferradás
Lois Ferradás Blanco é profesor na área de Didáctica e Organización Escolar, centrando a súa docencia de xeito especial na formación de mestres de Educación Infantil. Foi director da Escola de Maxisterio e decano da Facultade de Ciencias da Educación da USC.

Polo que respecta á súa produción científica, o seu traballo oriéntase cara á calidade da educación infantil, a participación das familias e a documentación e avaliación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.09.2016.