Ir o contido principal

O emprego de residuos orgánicos gandeiros e agroindustriais é competitivo coa fertilización en aproveitamentos forraxeiros

María José Bande, entre María Jesús Sainz e Elvira López, na Escola Politécnica Superior
María José Bande, entre María Jesús Sainz e Elvira López, na Escola Politécnica Superior
A tese realizada na EPS por María José Bande e dirixida por López Mosquera e Sainz Osés, estuda o valor agronómico de xurro de vacún, esterco de polo e lodo industrial

O estudo e a comparación do valor agronómico de distintos materiais orgánicos procedentes do sector gandeiro e agroindustrial (xurro de vacún, esterco de polo, lodo de industria láctea), fronte a fertilización convencional con abonos minerais nos dous aproveitamentos forraxeiros máis importantes no NW español, é o obxecto da tese de doutoramento ‘Valorización agronómica de residuos orgánicos na produción de cultivos forraxeiros’, que vén de presentar a enxeñeira agrónoma María José Bande Castro na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. Os resultados obtidos amosan que os distintos materiais orgánicos empregados son competitivos fronte ao abonado convencional e aportan os nutrientes precisos para o desenvolvemento rendible dos cultivos.

Esta tese de doutoramento, dirixida por Elvira López Mosquera e María Jesús Sainz Osés, profesoras do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS, é o resultado das pescudas e estudos desenvolvidos durante catro anos por María José Bande Castro nunha pradeira e outros tres anos nunha rotación de raigrás italiano-millo forraxeiro. A aplicación anual de 4500 kg ha -1 de esterco de polo deshidratado ou unha dose superior nun cultivo de pradeira ou nunha rotación raigrás italiano-millo forraxeiro provoca ademais un efecto encalante claro no solo, o que se reflicte sobre todo na redución da porcentaxe de saturación de aluminio, conclúe a investigación, na que tamén se proba que a aplicación nunha pradeira de xurro de vacún, lodo de industria láctea e esterco deshidratado de polo durante un período de catro anos, non modificou o contido en metais do solo e mantén a súa concentración por debaixo dos límites máximos permitidos pola lexislación vixente. Tribunal e cualificación da tese A profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC Rosa Mosquera Losada presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por María José Bande Castro e que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude. Socorro Seoane Labandeira, profesora do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC; Antonia García Ciudad, do CSIC Salamanca, María José Poblaciones Suárez-Bárcena, da Universidade de Estremadura, e María Isabel Pomar García, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, completan a relación de membros que conformaron o tribunal desta tese.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.02.2016.