Ir o contido principal

As emprendedoras do Centro Yuzz Santiago Matilde Durán Lobato e Sofía Mendes Saraiva gañan o Yuzz Muller

As emprendedoras do Centro Yuzz Santiago Matilde Durán Lobato e Sofía Mendes Saraiva gañan o Yuzz Muller
As emprendedoras do Centro Yuzz Santiago Matilde Durán Lobato e Sofía Mendes Saraiva gañan o Yuzz Muller
Con este novo premio o centro compostelán confírmase como un dos de maior éxito

Matilde Durán Lobato e Sofia Mendes Saraiva, do Centro Yuzz Santiago, foron elixidas as mellores mulleres emprendedoras da VII Edición do programa Yuzz polo seu proxecto Sadvia, unha axencia de asesoría científica. O premio está dotado con 20.000 euros e apoio do grupo de consultoras E&Y para acelerar o seu proxecto.

Logo de escoitar as presentacións dos cinco proxectos finalistas, a decisión tomouna un xurado integrado pola conselleira externa de Banco Santander, Isabel Tocino; a presidenta de South Summit, María Benjumea; a presidenta de Fundación EY, Maite Ballester; e a subdirectora xeral de Banco Santander e directora de Estratexia Dixital de Santander Universidades, Ana Bolado.

O centro Yuzz Santiago
O Centro Yuzz, emprazado no Edificio Emprendia da USC, é un espazo dedicado ao emprendemento no que desde xaneiro traballaron 25 mozos e mozas co apoio da Universidade e da Xunta de Galicia para converter as súas ideas empresariais en proxectos.

En decembro de 2015 neste Centro Yuzz foron seleccionados 25 emprendedores de entre máis de 70 solicitudes, chegando 18 deles á final que gañou David Sánchez Silva, estudante do grao en enxeñaría informática, premiado cunha viaxe a Silicon Valley. De Santiago, a Sánchez Silva acompañouno Andrea Aguilella, que co seu proxecto Enelatril fíxose co concurso ‘Este é meu pitch”.

Con este novo galardón o centro compostelán confírmase como un dos de maior éxito entre os 48 de España. Non en van, ao Yuzz Muller e ‘Este é meu pitch’ do YuzzDay hai que sumarlle outros dous galardóns nacionais: o segundo premio na IV convocatoria Yuzz para Looar, unha start up que ofrece solucións NFC para Smart Cities; e o primeiro na V edición para a spin off da USC SITUM (xeolocalización de interiores).

Un trampolín para ideas innovadoras
O proxecto YUZZ naceu en 2009 con dous centros, en Barcelona e Madrid, como un viveiro tecnolóxico de grandes ideas e desde entón creceu de forma exponencial. Baixo a dirección de CISE e co patrocinio do Santander mediante Santander Universidades, alcanzou os 48 Centros YUZZ repartidos por toda España con máis de 1.000 participantes por edición.

Grazas ao traballo coordinado do CISE con universidades de toda España con máis de 200 entidades colaboradoras, YUZZ ofrece de forma gratuíta formación e acompañamento durante cinco meses a xente de entre 18 e 31 años para que poidan desenvolver os seus propios proxectos en centros de alto rendemento YUZZ repartidos por España.

Nas súas seis edicións anteriores creáronse máis de 500 empresas, e na edición 2016 participaron 1.000 emprendedores con 810 proxectos.

Próxima edición

Xa está aberto o prazo de inscrición na VIII Edición do programa Santander YUZZ para 2016-2017, que nesta ocasión conta, ademais do centro de Santiago de Compostela, cun en Lugo. Esta terá a súa sede na Facultade de Administración e Dirección de Empresas. O prazo finaliza o próximo 2 de decembro.

As premiadas, coa presidenta de Fundación EY, Maite Ballester (Foto: Yuzz)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2016.