Emprendedores chilenos coñecen a estrutura científica e tecnolóxica do Campus de Lugo
Un grupo de catorce emprendedores do programa Innova de Chile participa estes días no Campus de Lugo nunha estancia formativa organizada polo Programa Uniemprende no marco da colaboración existente entre a Universidade compostelá e o Comité Fondo de Innovación Tecnolóxica da Rexión chilena do Bío-Bío. En Lugo a organización corre da man da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento do Campus.
Os emprendedores chilenos serán recibidos este mércores 18 polo vicerreitor de Coordinación, Pedro García Herradón, no Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico da USC (CACTUS) ás 10.00 horas. Alí, acompañados tamén polo subdirector da RIADT, Julio Seijas Vázquez, farán un percorrido polo edificio e os laboratorios de investigación. A continuación, ás 12.00 horas, trasladaranse a Innolact, unha spin off da USC, para coñecer de primeira man unha experiencia emprendedora e a un dos seus socios promotores, Sergio Martínez Alonso. Pola tarde visitarán a Fundación Confederación de Empresarios de Lugo.
O xoves 19 visitarán o Centro de Empresas e Innovación (CEI) do Concello de Lugo e as instalacións da empresa de base tecnolóxica emprazada en Lugo AMS-Lab.
Este programa formativo está a ser impartido por persoal directivo de estruturas de creación de empresas como capital risco, spin-offs e empresas de base tecnolóxica, que complementarán as súas ensinanzas con diversos encontros de carácter xerencial ec on investigadores de primeiro nivel con experiencia emprendedora.