Ir o contido principal

O emprendemento, protagonista da vindeira semana en Lugo

A rede Mercurio, da que forma parte a USC a través de Uniemprende, organiza un completo programa de actividades a prol do emprego

A vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Marta Miranda, participou este venres na presentación dos actos da Semana do Emprendemento, que se desenvolverán na capital luguesa dende o 14 ao 18 de xuño organizados pola Rede Mercurio, da que forma parte a USC a través de Uniemprende-Lugo.

Creada no ano 2009, a Rede Mercurio aúna a catorce institucións que destacan polo seu traballo a prol do emprendemento e da consolidación do tecido empresarial lugués, xa que se dedican a captar, promover e apoiar a creación de novas iniciativas empresariais baseadas na tecnoloxía, o coñecemento e a innovación. É o caso da USC; o Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), o Centro Tecnolóxico Agroalimentario (CETAL) ou a Cámara de Comercio.

Programa da Semana do Emprendemento
A Semana do Emprendemento celebrarase baixo o lema “Emprende. Pon os teus soños a traballar”. As actividades comezarán o luns 14 de xuño cun almorzo de emprendedores que terá lugar na Fundación CEL. O martes, día 15, terá lugar na Escola Politécnica Superior unha charla sobre aspectos xurídicos na creación de empresas de base tecnolóxica, a cargo do secretario xeral adxunto da USC, Carlos Gómez Otero.

O mércores 16 celebrarase o Día do Emprendemento, no que están previstas varias charlas e debates da man de emprendedores lucenses de éxito, dende ás 10.00 ata as 20.30 horas.

A Semana continuará o xoves, día 17, cunha charla sobre imaxe de marca persoal, no CEI-NODUS. A programación acabará o venres cunha charla sobre Europa na creación de emprego, que terá lugar na Deputación Provincial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.06.2010.