Emprendemento, transferencia de coñecemento, investigación, ámbitos nos que a USC e a Cámara de Comercio de Santiago cooperarán

A USC e a Cámara de Comercio de Santiago asinaron esta venres 6 un convenio marco para o desenvolvemento conxunto de actividades culturais, científicas, pedagóxicas ou de investigación. O fomento do espírito emprendedor e a colaboración no desenvolvemento da innovación das empresas pertencentes á Cámara de Comercio de Santiago son outros obxectivos reflectidos neste convenio asinado polo reitor Juan Casares e o presidente da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela, Jesús Asorey. Asistiron á sinatura a secretaría xeral e o secretario xeral adxunto da Cámara, Filomena Casal e Fernando Barros. Tras a sinatura, Casares valorou o convenio como unha mostra do compromiso da USC coa sociedade á que se debe, neste ocasión cunha “institución clave” en moitas dimensións da cidade compostelá. O reitor salientou a repercusión que acordo terá pola propia dimensión da Cámara de Santiago, tanto polo seu número de empresas asociadas como pola cantidade de sectores representados. Pola súa banda, Jesús Asorey, subliñou que a colaboración entre a institución académica e a entidade que preside remóntase no tempo, ao tratarse de dous axentes que se atopan en concordancia, con múltiples temas de converxencia común, como formación, cooperación en comercio exterior ou innovación. Grazas a este acordo, as dúas entidades estableceron unha colaboración en diversos campos de interese común coa que estreitarán as súas relacións, ao tempo que unirán esforzos de cara a establecer normas amplas de actuación que canalicen e incrementen os seus contactos e colaboracións. Dun ano de vixencia, dirixirá o convenio unha Comisión Mixta de carácter paritario, formada por membros das dúas institucións, para velar polo cumprimento do acordo, propoñer a súa modificación, facilitar a elaboración dos convenios específicos cando sexan necesarios para a articulación de programas de actuación, propoñer a programación de actividades e o seguimento da súa execución. Espírito emprendedor O fomento do espírito emprendedor é outros dos obxectivos contemplados no acordo marco asinado. A intención é que a USC e a Cámara desenvolvan accións específicas de sensibilización e orientación profesional, cooperando no desenvolvemento de proxectos empresariais a través dos viveiros de empresas de ambas as dúas institucións. Nesta mesma dimensión e dentro do eido empresarial, a sinatura establece a colaboración no desenvolvemento da innovación nas empresas pertencentes á Cámara de Comercio de Santiago, a través do contacto cos grupos de investigación e a Oficina de Transferencia de Tecnoloxía da USC. Tamén se porán en marcha actividades de formación continua, destinada aos empresarios pertencentes á Cámara de Comercio, así como a alumnado e profesorado da USC, que se realizarán a través das estruturas da Cámara de Comercio e da Universidade. Ademais, celebraranse cursos, conferencias, coloquios e actos que contarán coa intervención de personalidades da ciencia e a cultura, tanto españolas como estranxeiras. Outros puntos destacados do convenio son a elaboración conxunta de proxectos que poidan ser financiados con cargo a Fondos Europeos, a potenciación de programas de cursos de español na USC, o impulso da relación entre os estudantes e profesores universitarios e as empresas, a través de programas de prácticas, a colaboración na transferencia de tecnoloxía e coñecementos e no deseño curricular dos novos títulos de grao. De esquerda a dereita, Filomena Casal, Juan Casares, Jesús Asorey e Fernando Barros