Ir o contido principal

A empresa francesa Virbac interésase por tres tecnoloxías patentadas pola USC

A empresa francesa Virbac interésase por tres tecnoloxías patentadas pola USC
A empresa francesa Virbac interésase por tres tecnoloxías patentadas pola USC

Representantes da compañía veterinaria francesa Virbac, unha das máis relevantes no sector farmacéutico animal, visitaron a pasada semana as instalacións da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC interesados por tres tecnoloxías desenvolvidas por investigadores da Universidade de Santiago e patentadas pola propia AVTE.

Os directivos do laboratorio francés Jules Minke, Georges Bufala e Benoit Chatrenet reuníronse cos investigadores José M. Martínez Costas, Ana M. Casal e Adolfo Paz Silva para coñecer de primeira man as tecnoloxías nas que está interesada a empresa, que actualmente ten presenza en mis de 100 países con 4.800 empregados e unhas ventas anuais superiores a 900 millóns de euros.

O investigador José M. Martínez Costas, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), presentou a súa tecnoloxía IC-tagging, unha plataforma tecnolóxica baseada en proteínas procedentes de reovirus aviares, que forman inclusións nos citoplasmas das células. Entre as súas diversas aplicacións destaca a posibilidade de xerar vacinas máis baratas e máis fáciles producir e de manter, sen necesidade de incluír substancias adxuvantes.

Pola súa banda, Ana M. Casal, do Centro de Investigacións Biolóxicas (CIBUS), presentou na xuntanza a súa tecnoloxía fronte aos sistemas de comunicación de bacterias, coñecidos como Quorum Sensing. Trátase dunha enzima, illada dunha cepa bacteriana mariña, que permite interferir coas sinais de Quorum Sensing impedindo que as infeccións bacterianas avancen e evitando o uso de antibióticos.

Por último, o investigador da Facultade de Veterinaria Adolfo Paz Silva explicoulles os detalles dunha tecnoloxía baseada no emprego de esporas de fungos saprófitos que reducen o risco de infección parasitaria tanto en animais de granxa como en mascotas. Deste xeito requírense menos tratamentos antiparasitarios convencionais e achégase unha solución sostible ao control de parasitos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.07.2016.