A empresa Igalia, en colaboración coas tres universidades galegas, crea o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre 2007
A empresa galega de Software Libre Igalia, en colaboración coas tres universidades galegas e a Consellaría de Innovación, acaba de crear o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre 2007. O obxecto deste premio é fomentar o achegamento e coñecemento dos universitarios galegos sobre o Software Libre (SwL) e promover o emprego de calidade baseado nas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.
Con esta iniciativa preténdese que moitos dos Proxectos Fin de Carreira que se presenten nos diferentes centros universitarios sexan desenvolvidos con SwL, premiando o mellor deles con 1.000 euros e a difusión do traballo.
O período de inscrición para participar nesta convocatoria estenderase ata o 31 de outubro de 2007, podendo participar calquera estudante dunha universidade galega que defenda o seu Proxecto cunha nota mínima de 5.0 nalgunha das convocatorias entre marzo e outubro do presente ano.
A iniciativa presentarase ao longo do mes de abril nas principais facultades e escolas técnicas de Galicia, comezando pola Universidade da Coruña que acolleu o acto de presentación este martes na Facultade de Informática. As próximas citas serán o xoves, día 12, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo, o luns 16 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Informática da Universidade olívica e finalmente o día 26 de abril na ETSE da USC.