A empresa Nanogap Therapeutics, premiada por unha liña de traballo contra o cancro que lideran os profesores Arturo López e Fernando Domínguez

A start-up galega Nanogap Therapeutics (Arjona), filial da empresa dedicada á innovación en novos medicamentos contra o cancro Nanogap, acaba de ser recoñecida co premio BioTarget convocado pola organización non gubernamental Cancer Research UK para o fomento do descubrimento de novas terapias anticanceríxenas innovadoras. Esta empresa xurde a raíz dos Clústeres Terapéuticos Moleculares (TMCs polas súas siglas en inglés), unha liña de traballo orixinado na USC liderada polos profesores Arturo López Quintela e Fernando Domínguez e pola que foi premiada a start-up. Estas partículas son capaces de “aplanar” o ADN co que, por un lado, facilitan o acceso dos fármacos ao material xenético das células tumorais e, polo outro, aumentan a súa eficacia sen mostrar efectos nocivos para os pacientes.
A concesión do premio foi presentada publicamente este xoves nunha rolda de prensa que contou coa presenza do reitor da USC Antonio López, do profesor Fernando Domínguez Puente; o CEO de Nanogap Therapeutics, Ross Breckenridge; e a delegada da Fundación ‘la Caixa’ en Galicia, Susana Santos Morales. O reitor compostelán resaltou o “enorme valor” de que esta liña de traballo teña sido premiada e iniciada na USC, “sempre é máis difícil dende a periferia acadar resultados relevantes e nosos investigadores e investigadoras consígueno neste e noutros campos”.
O profesor Fernando Domínguez explicou que actualmente traballan no deseño e desenvolvemento de ferramentas que fagan fronte a cancros que actualmente non son curables. Na súa opinión estamos na liña de acadar un tratamento moi específicos para estas doenzas e sen efectos secundarios. Pola súa banda Susana Santos mostrou o seu agradecemento pola oportunidade de participar neste ambicioso proxecto e destacou a súa correlación coa filosofía d lema do plan estratéxico de ‘la Caixa’, “ cambiamos presentes, construímos futuros”.
Segundo o traballo dos investigadores da USC, estes novos materiais teñen a capacidade de dirixirse a células cancerosas especialmente resistentes, que presentan unha mutación particular nun xene chamado K-ras. Os TCMs poden provocar unha reacción química en certas moléculas –d enominadas especies reactivas de osíxeno- que destrúe células tumorais. Como explicou o CEO de Nanogap Therapeutics, a empresa dirixe os seus “medicamentos a áreas terapéuticas orfas de tratamentos eficaces como algúns tipos de cancros. Actualmente temos dúas moléculas en estados avanzados de desenvolvemento preclínico que forman parte dun conxunto único de novos materiais subnanométricos de interese médico”.
TCMs
Os Clústeres Terapéuticos Moleculares (TMCs) son a base tecnolóxica desta nova empresa, un descubrimento orixinado na USC a raíz dun proxecto de investigación liderado polos profesores Arturo López Quintela e Fernando Domínguez, posible gracias á participación e o impulso de ‘la Caixa’, baixo a denominación ‘Síntese, caracterización e estudo das propiedades antitumorais dos Clústeres Cuánticos Atómicos’.
Actualmente, NANOGAP Therapeutics (Arjuna) está probando esta molécula en animais, coa posibilidade de que comecen os ensaios en humanos en 2021.
BioTarget Competition
“BioTarget Competition: speeding up the race to beat cancer” é unha competición anual apoiada por Cancer Research UK e dirixida a start-ups innovadoras de todo o mundo, que ten o obxectivo de fomentar a I+D en novas moléculas para o tratamento do cancro. Ademais ten como obxectivo sensibilizar sobre o emprendimento e a innovación entre a comunidade científica e de I+D+i.