Ir o contido principal

Un encontro na ETSE mostra os avances dos últimos 25 anos da estatística en Galicia

Un encontro na ETSE mostra os avances dos últimos 25 anos da estatística en Galicia
Un encontro na ETSE mostra os avances dos últimos 25 anos da estatística en Galicia
O seminario organízase como recoñecemento á traxectoria profesional do profesor González Manteiga no campo da estatística en Galicia

Desde que a finais dos anos 80 se organizaran na USC distintos seminarios locais de Inferencia non Paramétrica liderados polo profesor Wenceslao González Manteiga, a evolución metodolóxica da estatística co entorno de aplicacións aos distintos ámbitos (ciencias da saúde, finanzas, enerxía ou computación) foi moi frutífera.

Máis adiante, estes seminarios, xa de calado internacional, tiveron lugar nas tres universidades galegas organizados por doutores en Estatística que se formaron baixo a dirección ou co dirección do profesor González, e que destacan con desenvolvementos notables de transferencia da metodoloxía ao sector produtivo.

Con motivo do 60 aniversario do profesor Wenceslao González, director ata a actualidade de 30 teses doutorais, o Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC organiza este mércores e o xoves un seminario no que se mostran os avances que se deron ao longo destes anos nos diferentes grupos de investigación de estatística en Galicia, que se complementarán cos de investigadores de fóra que colaboraron activamente cos galegos.

O encontro desenvólvese na Escola Técnica Superior de Enxeñaría con diversos relatorios nos que participarán, entre outros, o catedrático emérito da Universidade de Zaragoza José Antonio Cristóbal; o catedrático da Carlos III de Madrid Miguel Ángel Delgado; o catedrático da Universidade da República (Uruguai) Ricardo Fraiman; e o profesor Winfried Stute, da Justus-Liebig-Universität.

Intervirán ademais os profesores da UDC Juan Vilar, Ricardo Cao e María José Lombardía; os da USC Carmen María Cadarso, Manuel Febrero e Rosa Crujeiras; e os da Universidade de Vigo Jacobo de Uña, Juan Carlos Pardo, Eduardo García, todos e todas discípulos do profesor González Manteiga.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.06.2016.