Ir o contido principal

O V Encontro Galego de Programas Universitarios para Maiores cita 70 alumnos sénior das universidades galegas en Profesorado

Participantes no V Encontro Galego de Programas Universitarios para Maiores
Participantes no V Encontro Galego de Programas Universitarios para Maiores
Carme Silva, Esther Olveira, Coro Piñeiro e Francisco Rodríguez Lestegás deron a benvida ás persoas participantes nesta xornada interuniversitaria

O V Encontro Galego de Programas Universitarios para Maiores cita este xoves na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC uns 70 estudantes sénior que participan nos distintos programas universitarios para persoas maiores que ofrecen as tres universidades galegas.

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; a directora da programa de IV Ciclo da USC, Esther Olveira; o decano da Facultade de Formación do Profesorado da USC, Francisco Rodríguez Lestegás, e a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Coro Piñeiro, abriron este encontro galego no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado no marco dunha sesión na que faltaron eloxios cara o interese pola aprendizaxe amosado por este colectivo de persoas maiores. A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Coro Piñeiro, tamén manifestou o seu agradecemento ás universidades galegas por innovar continuamente na actualización de contidos e dinámicas deste tipo de programas de formación universitaria orientados a persoas maiores, unha oferta que “permite abrir novos camiños a este sector da poboación ao tempo que fai posible satisfacer inquedanzas de moitos maiores”, dixo. A presidenta de Asociación Estatal de Programas para Persoas Maiores (Aepum), Concepción Bru Ronda, abriu a quenda de relatorios da xornada cunha intervención que se desenvolveu baixo o título ‘Actualidade dos programas de maiores nas universidades: Avances a nivel estatal e autonómico. Avaliación e calidade’. Unha mesa de debate sobre os diferentes modelos de xestión dos programas de maiores nas universidades galegas, así como sobre o futuro dos plans de estudo, pechou o programa matinal. Nesta sesión, guiada por Antonio Rodríguez Martínez, representante da USC en Aepum, interviron como relatores o director das Aulas de Formación Aberta da UVigo, Miguel Ángel Nombela Castaño; María del Pilar García de la Torre, directora da Universidade Sénior da UDC, e Esther Olveira Olveira, directora do programa universitario de maiores IV Ciclo da USC. Xa en quenda de tarde, as persoas participantes neste encontro poden completar distintos itinerarios culturais pola capital luguesa. Un programa cultural que ofrece como alternativas a visita á Domus do Mitreo, á catedral ou un intinerario guiado pola Casa dos Mosaicos, Praza do Campo, Porta Miñá e muralla romana.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, a directora do programa de IV Ciclo da USC, Esther Olveira, e o coordinador deste programa de formación de maiores no campus de Lugo, Emilio Carral Vilariño, participarán no acto de clausura deste V Encontro Galego de Programas Universitarios para Maiores Galego no auditorio da Casa do Saber, onde logo se desenvolverá un concerto de clarinete e piano.

Olveira, Piñeiro, Silva e Lestegás, na apertura do encontro en Formación do Profesorado

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2015.