Ir o contido principal

O encontro de intelixencia emocional ‘Enmente’ desenvolverase en liña e de xeito presencial na súa quinta edición

Cartel do evento
Cartel do evento
O foro impulsado dende Alumni USC celebrarase os días 20, 21, 22 e 24 de outubro e pretende contribuír ao coñecemento e xestión das emocións
Santiago de Compostela

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni USC), xunto co Instituto de Ciencias da Educación da Universidade (ICE), promove a celebración do quinto encontro de Educación Emocional e Social, dirixido tanto aos seus socios e socias, como a todo o público en xeral. A través deste encontro preténdese contribuír ao coñecemento e xestión das emocións, ao desenvolvemento de estratexias de regulación emocional, automotivación e liderado, tanto no eido persoal coma no profesional; así como á mellora das habilidades comunicativas e de escoita que permitan comprender as emocións das outras persoas.

Esta quinta edición celebrarase o 20, 21, 22 e 24 de outubro e será en formato híbrido, virtual e presencial, para cumprir cos protocolos de prevención contra a COVID-19 e achegar formación e ferramentas de mellora en xestión emocional a todas as persoas que teñan interese en incrementar as súas competencias emocionais e sociais. Así, o 20, 21 e 22 de outubro terá lugar o ciclo de webinars en formato en liña, e o 24 de outubro celebraranse dúas conferencias presenciais na Facultade de Medicina da USC, con aforo limitado para asegurar as distancias de seguridade así como para acadar unha metodoloxía dinámica e participativa, centrada na persoa, pero cun enfoque grupal, cooperativo e reflexivo.

Relatores de recoñecido prestixio

Esta acción formativa será levada a cabo por profesionais do ámbito da intelixencia emocional, do coaching e o mentoring, a psicoloxía, o PNL, o mindfulness, a nutrición, persoas expertas en comunicación, xestión de equipos e desenvolvemento persoal e profesional. Contarase cun total de cinco relatores e relatoras, con recoñecido prestixio tanto a nivel autonómico como nacional, destacando nomes como Xavier Guix, psicólogo experto en crecemento persoal e en programación neurolingüística; ou Anna Forés, profesora e investigadora, especialista en Neuroeducación e Resiliencia ademais de escritora. Seguindo esta liña o programa tamén contará coa participación de profesionais como Mita Beutel, musicoterapeuta e terapeuta corporal; Andrea Bechlian, psicóloga especializada en disciplina positiva, educación emocional e asesoramento familiar; e Aixa Permuy, educadora social, pedagoga, doutora en educación e investigadora.

O período de inscrición xa está aberto. A entrada completa, que inclúe os obradoiros en liña e presenciais, ten un custo de 35 euros e no caso dos estudantes será de 15 euros, xustificando tal condición. A entrada parcial para os obradoiros en liña ten un custo de 15 euros.

Coa celebración deste V Encontro de Intelixencia Emocional que está financiado polo Consello Social da USC, a través de Alumni USC, e o Instituto de Ciencias da Educación, “ponse énfase na importancia que ten a Intelixencia Emocional dende un punto de vista educativo, por contribuír ao desenvolvemento integral dos individuos e ao seu benestar, ademais de ser unha das chaves para potenciar os recursos adquiridos a través da educación formal”, tal e como apuntan dende a organización do evento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2020.