Ir o contido principal

Un encontro internacional estuda de xeito multidisciplinar a formación e expresión do concepto de identidade

A inauguración celébrase este mércores 13 en Filoloxía

Máis de cen académicos procedentes de vinte e dous países reuniranse en Compostela para ofrecer unha análise exhaustiva sobre o concepto da identidade e arredor do papel que as relacións entre linguaxe e sociedade xogan na formación e expresión desa identidade. O grupo de investigación ‘Discourse and Identity’, liderado polo profesor do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemaña Manuel Barbeito Varela, celebrará entre este mércores 13 e o venres 15 en Filoloxía a 1st International Conference on the Discourse of Identity. O reitor Juan Casares presidirá o acto inaugural do encontro este mércores 13 a partir das 9.30 horas no Salón de Graos da Facultade compostelá. Deseguido, celebrarase a primeira sesión plenaria na que Ann Banfield, da Universidade de California (Berkeley), impartirá unha conferencia sobre a relación entre linguaxe e identidade nacional na obra de Samuel Beckett. A continuación darán comezo diversas sesións paralelas. Cun enfoque eminentemente multi e interdisciplinar, se estudarán os procesos lingüísticos e outras estratexias sociais que permiten aos individuos e grupos “(re-) crearse a si mesmos”, apuntan os organizadores. Deste xeito, abordarase este tema dende as ramas da lingüística, a literatura, a socioloxía, a psicoloxía, a historia e os estudos de xénero. Os conferenciantes plenarios convidados son ademais de Ann Banfield os/as docentes Irma Taavitsainen (Universidade de Helsinki), Michael Toolan (Universidade de Birmingham), Ruth Wodak (Universidade de Lancaster) e Laura Alba-Juez (UNED, Spain). Coordina o encontro a profesora Teresa Sánchez, coa tamén docente de Filoloxía Laura Lojo na secretaría. Para máis información, está dispoñible a web http://www.usc.es/congresos/identity/index.html.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2012.