Un encontro internacional profunda nos textos científicos medievais relativos á saúde
Os textos científicos medievais permanecen con frecuencia á marxe dos estudos filolóxicos, coa irreparable falla que supón no coñecemento dunha parcela importante da cultura medieval. Para contribuír a cubrir parte dese baleiro, especialistas de referencia internacional reúnense esta semana na Facultade de Filoloxía nun encontro científico que pretende mostrar os nomes e espazos que privilexiaron a redacción e tradución de obras relativas á saúde.
O congreso internacional ‘ Ciencias da saúde animal (e humana) na Idade Media europea: autores, textos e contextos’ porá o foco nos manuais dedicados a preservar os animais que foron signo de identidade da nobreza medieval –o cabalo e as aves de caza–, mais tamén nas obras dedicadas á botánica, á farmacoloxía ou á medicina, dadas as relacións existentes entre esas disciplinas e a veterinaria. Nas intervencións primarase o achegamento aos textos desde unha perspectiva filolóxica, aínda que non se desatenderán a histórica nin a médico-veterinaria-farmacéutica.
Dirixido por Gerardo Pérez Barcala, o encontro forma parte das actividades desenvolvidas no proxecto de investigación ‘Edición crítico-interpretativa do Livro d’Alveitaria’. Bases para unha plataforma en liña da tradición do «De medicina equorum»’ e está promovido polo grupo de investigación Románicas da USC e a Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares.
O evento está recoñecido como actividade formativa dos programas de doutoramento da USC ‘ Estudos Medievais’; ‘Estudos da Literatura e da Cultura’; ‘Historia, Xeografía e Historia da Arte’, e ‘Medicina e Sanidade Veterinaria’.