Un encontro internacional reflexionará sobre os cambios producidos nos métodos e orientacións de traballo na Historia Moderna
En 1973 a Universidade de Santiago acollía as I Xornadas de Metodoloxía Aplicada ás Ciencias Históricas, o que constituíu un punto de encontro das historiografías españolas e europeas, de maneira especial as francesas. Este encontro sentou as bases do desenvolvemento as liñas máis innovadoras para un importante avance metodolóxico na investigación sobre Historia Moderna, non só en Galicia senón en toa España. 40 anos despois, a Facultade de Xeografía e Historia abrirá as súas portas ao sétimo Coloquio de Metodoloxía Histórica Aplicada, centrado nas grandes seccións das xornadas primixenias. O encontro reflexionará sobre os cambios historiográficos que nas últimas catro décadas se teñen producido nos métodos, nas novas orientacións e en todos aqueles aspectos que poñen de relevo a evolución do estudo da Historia Moderna neste período dentro e fóra de España, así como para reflexionar sobre o porvir inmediato nun contexto de crise. Está prevista a intervención, entre outros, do profesor e impulsor das xornadas de Metodoloxía Aplicada dende os seus inicios, Antonio Eiras Roel; Francis Brumont, da Universidade de Toulouse II; José Vicente Serrao, do Instituto Universitario de Lisboa; Carlos González Sánchez, da Universidade de Sevilla; Francisco García González, da Universidade de Castela A Mancha; Enrique Soria Mesa, da Universidade de Córdoba; Marcello Verga, da Universidade de Florencia; Alberto Marcos, da Universidade de Valladolid; Lucien Bély, da Universidade de París-Sorbonne; e María Angeles Pérez Samper, da Universidade de Barcelona. As sesións terán lugar na Facultade de Xeografía e Historia este xoves 7 e o venres 8. A conferencia inaugural será impartida polo profesor Eiras Roel no Paraninfo da Universidade a partir das 10.00 horas e leva por título ‘Xénese e exempla. Os meus libros franceses resaudados corenta anos despois’.