Ir o contido principal

O I Encontro da Mocidade Investigadora visibilizou o esforzo científico do persoal en formación da USC

O I Encontro da Mocidade Investigadora visibilizou o esforzo científico do persoal en formación da USC
O I Encontro da Mocidade Investigadora visibilizou o esforzo científico do persoal en formación da USC
Dez doutorandos e doutorandas viron recoñecidos os seus traballos de investigación

O I Encontro da Mocidade Investigadora EDI-USC que organizaron conxuntamente na Facultade de Bioloxía a Escola de Doutoramento Internacional e o Centro de Posgrao conseguiu con éxito o seu principal obxectivo: dar visibilidade á actividade investigadora que se realiza na USC no marco dos programas de doutoramento ademais de promover o intercambio de experiencias entre o persoal investigador en formación e o exercicio da crítica científica. Mostra da capacidade de convocatoria que tivo o encontro foron as arredor de 180 comunicacións presentadas, das que 36 foron seleccionadas para presentarse de maneira oral. Entre estas últimas concedéronse cinco premios, un por cada área de coñecemento establecida. Carolina Pérez Capelo fíxose co galardón á mellor comunicación oral do ámbito de Humanidades polo traballo ‘Variación dialectal e toponimia’; Jorge Barbazán García por ‘Molecular characterization of circulating tumor cells in human metastatic colorectal cancer’ en Ciencias Biomédicas; Pedro Varela Vázquez no ámbito de Ciencias Sociais e Xurídicas por ‘O sector da enerxía eólica en Galicia dende unha perspectiva económica. Políticas públicas para o desenvolvemento e consolidación dun clúster dende unha perspectiva comparada’; Mª Isabel Cabello Conejo en Ciencias Experimentais por ‘Estudio de plantas hiperacumuladoras de níquel del género alyssum y su aplicación en procesos de limpieza de suelos contaminados’; e Manuel Gómez García por ‘Replication of natural nano/structures with liquid teflon’ en Ciencias Tecnolóxicas. Das comunicacións en formato póster resultaron premiadas ‘As Terrae: unha aproximación á organización territorial do Occidente Peninsular’ de Mariña Bermúdez Beloso no ámbito de Humanidades; Gabriel N. Santos-Durán, en Ciencias Biomédicas, por ‘Understanding the evolution of hypothalamic compartments based on gene expression patterns. Insights from chondrichthyans’; Juan J. Gómez Neira, de Ciencias Sociais e Xurídicas, por ‘Nuevas ayudas a la dependencia: figuras contractuales aleatorias’; Mª Eugenia Cornide Petronio polo traballo ‘Regeneración de las células serotonérgicas con proyecciones descendentes en lamprea de mar’ en Ciencias Experimentais; e Gerardo Álvarez-Rivera, no ámbito das Ciencias Tecnolóxicas, por ‘Analysis of fragrance allergens and preservatives in marketed baby care products using advanced extraction techniques’. O encontro A organización e desenvolvemento deste evento foi posible grazas á colaboración da Facultade de Bioloxía e da Fundación Barrié e ao financiamento da Universidade de Santiago, da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e do Ministerio de Educación. As conferencias correron a cargo de persoal investigador que se atopa en distintas etapas da vida profesional e contribuíron a explicar o recorrido da carreira investigadora a través das súas experiencias. Así, na conferencia inaugural a investigadora senior de recoñecido prestixio, a catedrática de Lingüística Inglesa do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC, Teresa Fanego, falou das razóns para facer unha tese doutoral e dedicarse á investigación, da selección do ámbito de investigación, do equipo de investigación e do director, das becas de investigación predoutoral, do currículo vitae, da participación en congresos, das publicacións, da páxina web persoal e da vida postdoutoral. Pola súa banda, Alberto Ruiz Jimeno, director da Escola de Doutoramento da Universidade de Cantabria, ensinou o papel desas escolas en España dando a coñecer especificamente o traballo que se está a facer dende a Internacional da USC. Por último, os investigadores Ramón y Cajal David Gómez Míguez, da Autónoma de Madrid, e Miguel López Pérez (USC) fixeron un percorrido pola súa carreira investigadora. Debates intensos Ademais das comunicacións e conferencias o encontro contemplou dúas mesas redondas. Na primeira, persoal investigador da USC reflexionou sobre as razóns para facer unha tese doutoral actualmente, a conciliación na carreira investigadora, a inserción laboral dos doutores e as vantaxes que poden obter as empresas coa contratación de doutores e doutoras. Participaron Vicente Lustres Pérez, director xerente de BIOSTATECH; Laura Sánchez Piñón, catedrática de Xenética; Rogelio Conde-Pumpido, director da Área de Xestión e Valoración de I+D+i da USC; e os doutorandos Miguel Angel Pousada Cruz, Pedro Zurita Herrero e Gabriel Santos Durán. No segundo debate reflexionouse acerca dos cursos GRADschool que organiza a Fundación Barrié.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2012.