Ir o contido principal

Encontro con Monica Mura e intervención de Fátima Miranda no marco da mostra ‘E ti que (de quen) vés sendo?’

Encontro con Monica Mura e intervención de Fátima Miranda no marco da mostra ‘E ti que (de quen) vés sendo?’
Encontro con Monica Mura e intervención de Fátima Miranda no marco da mostra ‘E ti que (de quen) vés sendo?’

A Igrexa da Universidade, sede da exposición ‘E ti que (de quen) vés sendo? Identidades, memorias e xéneros’, será o marco no que este sábado 20 ás 19.30 horas se produza un encontro coa autora Monica Mura no que intervirá Fátima Miranda cun breve concerto-performance a capella para voz soa. A entrada ao evento é de balde ata completar aforo.

Monica Mura Doutora en Arte, Música e Espectáculo pola Università degli studi dei Torino (Italia), Monica Mura realizou accións e mostras individuais e colectivas entre España, Italia e Portugal (Museo Thyssen- Bornemisza de Madrid, MAC da Coruña, Museu José Malhoa de Caldas da Raiña, entre outras).

Participou en numerosos proxectos de loita contra a violencia de xénero en Galicia e Italia e foi seleccionada coa súa obra ‘Sas Diosas’ polo Museo Thyssen-Bornemisza para formar parte de Nos+Otras: en Rede 2015-2017, un proxecto de EducaThyssen, Mención de Honra no 8º Premio Iberoamericano de Educación e Museos. A súa obra forma parte ademais de coleccións públicas e privadas, como os fondos do Museo Provincial de Lugo.

Pertence á asociación MAV Mujeres en las Artes Visuales e ao comité científico do Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación de RML. Foi seleccionada no Concurso Intervencións Artísticas de XX Bienal De Arte de Cerveira 2018 (PT) e formará parte de Biennale dei Genova ‘Other Identity’ 2019.

Fátima Miranda Licenciada en Historia da Arte, desde 1983 realiza un traballo de investigación ao redor da voz. Fuxindo de estereotipos combina técnicas vocais orientais, occidentais e da súa propia invención, empregando a voz como instrumento de vento e de percusión sobre un rexistro superior a catro oitavas, achegando unha linguaxe musical propia.

Estuda coa cantante xaponesa Yumi Nara, canto difónico mongol con Tran Quang Haï, canto Dhrupad da India coa eminente familia Dagar, Canto Muhgam de Azerbaijan, con Fargana y Alim Qasimov e bel canto con varios profesores, logrando poñer unhas e outras técnicas habitualmente consideradas incompatibles en rica convivencia coa vangarda. Entre outros premios e bolsas, foi convidada por DAAD como artista en residencia en Berlín e recibiu o IV Premio Intenazionale Demetrio Stratos e o 1er Premio de Videoarte de Mujeres Artistas nos VII Encontros Internacionais de Arte e Xénero de Sevilla.

Desde 2016 desenvolve o proxecto Living Room Room, creando concertos a Cappella, feitos a medida para cada contexto específico, en diálogo coa arquitectura do lugar. Fundadora con Llorenç Barber nos 80 do Taller de Música Mundana e de Flatus Vocis Trío. Desde os 90 ata hoxe crea os concertos-performance para voz soa: Las Voces de La Voz, Concierto en Canto, ArteSonado e Cantos Robados e a dúo perVERSIONES e aCuerdas editados en LPs, CD ou DVD. O seu traballo circulou por escenarios de todo o mundo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2018.