Ir o contido principal

O Encontro Peptídico Ibérico mergúllase na Bioloxía Química da man dun coñecido experto

A undécima edición do Encontro Peptídico Ibérico continúa o venres 7, ás 9:10 horas, na Facultade de Química cunha conferencia sobre sinalizacións en Bioloxía Química que pronunciará o coñecido experto do Instituto xermano Max Planck de Dortmund, Herbert Waldmann.
Logo deste relatorio, investigadores de diferentes países, fundamentalmente España e Portugal, participarán na presentación de comunicacións orais nas que darán a coñecer as últimas achegas realizadas no eido dos péptidos. Con estas charlas, o congreso ofrece unha excelente oportunidade para que os científicos completen a súa formación participando nos procesos de debate e discusión.
Máis de 130 persoas inscribíronse neste encontro organizado polo catedrático da Universidade de Santiago, José Luis Mascareñas, xunto co investigador do Departamento de Química Orgánica da USC, Eugenio Vázquez. O evento patrocinouno o Ministerio de Educación e Ciencia, a Sociedade Europea de Péptidos e a Rede de Ciencias e Materiais Moleculares da Xunta de Galicia.
PéptidosOs péptidos son compoñentes fundamentais das proteínas, máquinas moleculares que exercen un papel clave no funcionamento das células e, polo tanto, do organismo. As investigacións neste eido, que implican traballos en diferentes disciplinas dende a Química ata a Bioloxía Molecular e Medicina, poden ter unha enorme repercusión para o entendemento de enfermidades como o Alzheimer, Párkinson ou cancro, así como para o desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.03.2008.