Os ‘Encontros no campus de Lugo’ rematan o programa de visitas tras recibir mil estudantes de ensino medio de Lugo e A Coruña
Máis de 1.000 estudantes de ensino medio procedentes de 24 centros educativos da provincia de Lugo visitaron este ano a sede universitaria luguesa a través do programa Encontros no campus de Lugo, unha xornada orientada a dar a coñecer a oferta de estudos e servizos do Campus Terra da USC a estudantes preuniversitarios, organizada ao abeiro do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, salientou este martes na recepción dos participantes na última xornada de dos ‘Encontros no campus de Lugo’ o éxito dunha iniciativa articulada ao abeiro do programa ‘A Ponte’ e que permitiu triplicar en tres anos o número de visitas de alumnos de ensino medio á sede universitaria luguesa, ao pasar de pouco máis de 300 no curso 2013-14 ao máis de 1.000 no presente exercicio académico.
Alén do aumento das estatísticas de participación, Bueno indicou que as preferencias académicas amosadas polos estudantes de ensino medio que tomaron parte neste programa constatan que todos o títulos de grao impartidos pola USC na sede universitaria espertan interese entre a comunidade estudantil preuniversitaria. Daquela, dacordo cos itinerarios formativos solicitados polos estudantes de ensino medio nas tres xornadas de ‘Encontros no campus de Lugo’, os estudos empresariais foron a opción máis demandada, con 172 solicitudes, seguidos de Procesos Químicos Industriais e Nutrición e Dietética (163). Veterinaria recibiu 152 visitas, mentres que Formación do Profesorado acolleu 145 estudantes. Enfermaría (145), Escola Politécnica Superior (124), Humanidades (68) e Relacións Laborais, con preto de 40 visitas, completan as preferencias amosadas polo estudantado. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o coordinador do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo, Francisco Javier López, foron os encargados de dar este martes a benvida ao grupo de 300 estudantes preuniversitarios procedentes de 11 centros educativos (IES Gregorio Fernández de Sarria, IES Perdouro de Burela, CPR Plurilingüe San José de Lugo, IES Campo de San Alberto de Noia, CPI de Cervantes, CPR Salesianos-Divina Pastora de Lugo, CPR Franciscanos, IES de Becerreá, CIFP As Mercedes, CPI Dr. López Suárez de Friol, e IES Fontem Albei da Fonsagrada, nun acto desenvolvido no auditorio da Facultade de Veterinaria. Bueno e López fixeron unha presentación xenérica do campus de Lugo da USC, antes de que varios estudantes universitarios ofreceran aos asistentes a súas particulares visións do campus de Lugo e relataran algunhas das experiencias vividas no seu periplo como estudantes da USC. Bueno destacou na súa intervención as múltiples oportunidades e as vantaxes que ofrece ao estudantado o Campus Terra da USC, a cuarta sede universitaria galega cunha maior taxa de alumnado internacional, o que constitúe unha “convivencia enriquecedora”. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo apuntou tamén algún dos obxectivos que pretende a USC para a súa sede luguesa a través do proxecto de especialización Campus Terra, ao tempo que destacou o selo de calidade que implican os títulos universitarios expedidos pola USC, unha universidade que esixe a todos os graduados e graduadas acadar o certificado B1 de competencias en lingua inglesa para superar con éxito a súa correspondente titulación universitaria. Unha vez rematada esta sesión, os escolares, distribuídos en grupos en función das súas preferencias formativas e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completaron itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros. O obxectivo desta xornada, segundo explicou Francisco Javier López, é o de dar a coñecer ao alumnado preuniversitario a oferta académica e de servizos que presenta a USC en Lugo, “un campus moderno, pero aínda moi pouco coñecido”, dixo.