Ir o contido principal

Os Encontros Emprendiápolis abordan novas opción para o financiamento de empresas de base tecnolóxica

‘Novas opcións para o financiamento dunha EBT’ é o tema que se abordará nunha nova sesión dos Encontros Emprendiápolis, a celebrar este venres 8 no Edificio Emprendia de Campus Vida a partir das 9.30 horas. Analizarase a valoración do coñecemento nos procesos de transferencia, proporcionando unha visión das diferentes técnicas de valoración económica e financeira e os mecanismos de actuación das sociedades de capital risco, que asumen unha parte do financiamento inicial das Empresas de Base Tecnolóxica. É un tema de importancia para as Empresas de Base Tecnolóxica (EBT), xa que o financiamento é un dos principais obstáculos á hora de crear unha empresa desta natureza, habitualmente asociado a canles moi distintos aos instrumentos habituais de financiamento bancario. Profesionais vinculados a área de creación de empresas xurdidas do coñecemento e da tecnoloxía, ben sexa na súa calidade de persoal técnico ou de promotor/membro de iniciativas empresariais deste tipo, definen o perfil que identifica ás persoas que asisten á xornada. Programa O programa comezará ás 9.30 horas cunha mesa redonda que moderará o director do Programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande, e contará como relatores a Yolanda Falcón, xerente de Inversións Unirisco Galicia SCR e Uninvest SGECR, e Alfonso Rodríguez, profesor de Economía Financeira e Contabilidade da USC. A presentación de casos de éxito completará o programa cunha mesa que se desenvolverá entre as 12.30 e as 14.30 horas moderada polo xerente de Igape Nova, Guillermo Viña, e coa participación da directora financeira de Galchimia, Mª José Varela; o cofundador e CTO en Nanoinmunotech, Chritian Sánchez; e o director científico de Health in Code, Lorenzo Monserrat.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.06.2012.