Ir o contido principal

Os Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño examinan a situación das humanidades na actualidade

Marcelino Agís
Marcelino Agís

Medio cento de docentes participarán nos XIV Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago que se celebrarán entre os días 9 e 11 de novembro co lema ‘A filosofía hoxe: a necesidade das humanidades na construción do mundo do futuro’. A Facultade de Filosofía acollerá estas xornadas os días 9 e 10 que o día 11 se trasladará á sede de AFundación na rúa do Vilar.

A Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (SIFA) organizan estos Encontros dedicados nesta edición a reflexionar sobre a situación da Filosofía e as Humanidades nas sociedades actuais, a súa presenza e adecuación aos novos tempos, a súa necesidade e pertinencia. Tamén se abordarán, como explica o seu coordinador o profesor da Facultade de Filosofía Marcelino Agís Villaverde, o desenvolvemento das humanidades na era dixital, a filosofía na ensinanza ou a situación da filosofía en Galicia.

Os Encontros de Filosofía celébranse con carácter bienal dende o ano 1993 o que ten posibilitado a participación no seus distintos programas de máis de 65 universidades de todo o mundo ou a publicación, ata o momento, de 12 libros de actas. Na edición deste ano presentarase o libro Identidade, Memoria e Historia, editado pola USC en 2016 e que recolle as actas dos duodécimos libros de actas.

Este ano, os XIV Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago estrean o Premio Sapientia a unha vida de traballo e dedicación á Filosofía. Na súa primeira edición, o galardón ten como galardoado ao profesor Carlos Baliñas Fernández.

Estudos xaponeses
Dentro da mesma programación dos Encontros, inclúese a celebración do I Simposio Internacional de Estudos Xaponeses, que se corresponden co panel III Filosofía e humanidades en Xapón, organizados pola Sociedade Galega de Estudos Nipóns que preside o profesor Marcelino Agís e cuxa vicepresidenta é Minako Takahashi, profesora do Centro de Linguas Modernas da USC.

O obxectivo do simposio, como remarca a profesora Takahashi é compartir “a nosa paixón e espertar o interese polo estudos xaponeses en Galicia” contribuíndo paralelamente á súa difusión académica.

Os Encontro de Filosofía contan coa colaboración das vicerreitorías de Internacionalización e de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, así como da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2017.