Os Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño reflexionan sobre o mundo despois da pandemia
Os Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago centran a súa décimo sexta edición en ‘Pensar o mundo despois da Pandemia’, alén de concibirse como unha homenaxe á escritora galega Emilia Pardo Bazán. Dende este xoves e ata o sábado 20, este foro desenvólvese en modalidade semipresencial na Facultade de Filosofía da USC e baixo a organización da Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (SIFA) e a Sociedade Galega de Estudos Nipóns. O reitor Antonio López inaugurou estes encontros nun acto institucional no que tamén tomaron parte o decano do centro Marcelino Agís, Javier Barcia González, presidente da SIFA; e Alba Iglesias Varela, presidenta da Sociedade Galega de Estudos Nipóns.
Todas as intervencións programadas están agrupadas arredor dunha serie de paneis temáticos dedicados a cuestións como ‘Coidar o ser’, a ‘Visión oriental’, ‘É posible outro mundo?’ ou ‘Pensar o mundo en feminino: Emilia Pardo Bazán cen anos despois’. As conferencias e relatorios correrán da man de especialistas procedentes de universidades españolas, francesas, portuguesas ou xaponesas, entre outras, que explorarán os efectos da pandemia na identidade, na dimensión afectiva e a alteridade; o tratamento do coidado na era dixital; a conciencia relixiosa; a perspectiva do corpo seguro; ou a concepción da nova normalidade e a homo postpandemia. Ademais da programación científica, inaugurouse tamén a exposición de pintura ‘Crónica da pandemia’ do pintor Anto Chozas, e desenvolveuse o acto de entrega da terceira edición do premio Sapientia.
A programación de actividades do Encontro complétana a presentación dos libros Historia de la Hermenéutica. Devenir y actualidad de la filosofía de la interpretación, La luz entre las tinieblas: Agustín de Hipona y Tomás de Aquino, Caminos del pensamiento japonés e Filosofía e utopía. Tamén está prevista unha homenaxe póstuma a Megumi Shiozawa.